Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Os locais sociais das...


Os locais sociais das parroquias e as bibliotecas municipais de Ames acollerán novas sesións de contacontos en febreiro

[02-02-2018] As sesións de contacontos volven, no mes de febreiro, aos locais sociais das parroquias. Deste xeito, cada quince días, os luns en Augapesada, e os martes en Bugallido, as nenas e nenos destes lugares poderán gozar das historias relatadas a viva voz. Os contacontos comezarán ás 18:15 horas. Así mesmo, as bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns tamén contarán con sesións quincenais de contacontos, que comezarán ás 17:00 horas.

En Augapesada, a primeira das sesións deste mes terá lugar o vindeiro luns, 5 de febreiro. Nesta ocasión, o conto que se relatará será Tinta de Luz, unha obra de Berta e Pepe Cáccamo. O libro, que tenta achegar a poesía ás nenas e nenos, caracterízase polos xogos de palabras asociados ao mundo da cor, da luz e das formas xeométricas cun ton que, por veces, se torna humorístico. A segunda das sesións de contacontos desenvolverase o 16 de febreiro. A obra que centrará a lectura será os 12 poemas de Federico García Lorca, unha mirada persoal e distinta sobre o legado “lorquiano”.

No local social de Bugallido, a primeira das sesións de contacontos celebrarase o martes, 6 de febreriro. Nesta sesión, O cataventos será a obra protagonista. Escrita pola autora homenaxeada polo Día das Letras Galegas deste 2018, María Victoria Moreno, a obra conta a historia dun grupo de galiñas e paxaros, que non poden vivir en liberdade na aldea por causa do galo Don Pío, cuxa envexa e ambición o condenan á soidade máis absoluta. O libro escollido para a segunda das sesións, que terá lugar 20 de febreiro, é O branco non pinta: unha aproximación desde a literatura infantil ao branco e ao seu valor conceptual que, a maior parte das veces, semella afastada e inaccesible. A obra, unha creación da poeta Antía Otero e da ilustradora María Brenn, é unha oportunidade para achegarse á importancia das preguntas na infancia.

Na biblioteca de Bertamiráns haberá, asemade, dúas sesións de contacontos no mes de febreiro, a primeira das cales terá lugar o vindeiro mércores, 7 de febreiro. A segunda das sesións celebrarase nesta localidade o xoves, día 22. No Milladoiro, a primeira sesión desenvolverase o xoves 8 e a segunda o día 21. “Shh! Quen zoa? E quen croa? As linguas dos animais” será o título baixo o que se encadrarán as historias relatadas nas primeiras sesións de febreiro. “Ovos e máis ovos, quen nace do ovo?” é, pola súa banda, o tema escollido para as últimas sesións do mes. Estas sesións, que estarán dirixidas a crianzas entre os 3 e os 8 anos, darán comezo ás 17:00 horas.

As sesións de animación á lectura do Concello de Ames non se centran nunha única temática, senón que cada mes abordan diferentes temas, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal das crianzas. Deste xeito, estas actividades procuran, alén de fomentar o gusto pola lectura, favorecer o desenvolvemento da linguaxe, promovendo unha educación igualitaria e en valores e fortalecendo o desenvolvemento cognitivo das nenas e nenos.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925