Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O programa Lidera da...


O programa Lidera da OMIX inclúe a realización de sete actividades formativas ao longo de 2018

[05-02-2018] O programa formativo Lidera estará conformado no 2018 por diferentes actividades que atenderán a diversas temáticas: tempo libre, animación, linguaxe de signos, inglés... Organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), o programa Lidera ten como obxectivo facilitar á mocidade amesá os recursos e ferramentas necesarias á hora de favorecer o emprendemento, promover a creatividade e impulsar as súas perspectivas de futuro tanto a nivel formativo como profesional. O programa Lidera contará con prazas limitadas en cada un dos cursos, que serán de balde agás o curso de monitora e monitor de tempo libre.

A partir de marzo, comezará o curso de inglés English Today! O curso que estará enfocado á aprendizaxe dun inglés de uso cotiá desenvolverase tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. Dirixido a persoas maiores de 16 anos, contará con prazas limitadas. O programa de reforzo educativo nos centros de ensino secundario do concello desenvólvese entre xaneiro e xuño, os mércores no IES do Milladoiro e os xoves no IES de Ames, en horario de 16:30 a 18:30 horas. Destinado ao alumando de 1º e 2º da ESO, no Milladoiro xa ten practicamente cubertas as 48 prazas ofertadas, mentres que en Bertamiráns aínda quedan prazas dispoñibles tanto para o grupo de ciencias como para o de letras.

O curso homologado de monitora e monitor de tempo libre realizarase a partir de marzo. A formación, que contará cunha parte teórica e outra práctica, terá lugar no Pazo da Peregrina ao longo de varias fins de semanas. As prazas, que serán limitadas, estarán dirixidas a mozas e mozos maiores de 18 anos. O prezo por persoa será de 172 euros. Alén diso, para o mes de maio, a OMIX ten programada a posta en marcha dun curso gratuíto de primeiros auxilios. A formación, que terá unha duración total de 20 horas, desenvolverase no Milladoiro. O prazo de inscrición comezará un mes antes do inicio do curso. Haberá 20 prazas dispoñibles, que estarán dirixidas a persoas maiores de 16 anos.

Así mesmo, a partir de maio, desenvolverase un curso básico de linguaxe de signos en Bertamiráns. A formación, que se estenderá ao longo 30 horas, abordará as ferramentas básicas para a expresión, a interacción signada e a comprensión. Neste caso, o prazo de inscrición tamén abrirá un mes antes do comezo do curso. A formación, que será gratuíta, contará con 15 prazas dispoñibles destinadas a maiores de 16 anos.

Obradoiros máis que 2.0
A partir do mes de agosto, a OMIX organizará a realización de obradoiros formativos enfocados á mellora do perfil persoal e profesional (marca persoal, emprendemento, marketing dixital...) das persoas asistentes. Os cursos, tres obradoiros diferentes de 8 horas cada un, abrirán o prazo de inscrición un mes antes do seu comezo. Haberá prazas limitadas destinadas a maiores de 16 anos.

O curso de dinamización de eventos infantís terá lugar a partir do mes de setembro. Cunha duración total de 8 horas, incluirá contidos de dinamización, animación, globoflexia e maquillaxe, entre outras. O prazo de inscrición tamén abrirá, novamente, un mes antes do comezo do curso. A formación será de balde e estará dirixida a maiores de 18 anos.

Unha das prioridades da Concellaría de Mocidade e Transparencia do Concello de Ames, durante os próximos anos, é a de ofrecer á mocidade amesá un programa formativo completo e variado, baseado nos intereses das mozas e mozos e que estea adaptado aos constantes cambios e innovacións actuais. O programa Lidera, que se encadra dentro desta prioridade, nace co obxectivo de promover a participación e a formación xuvenil a través de cursos de educación non formal de diverso formato que permitan ás mozas e mozos medrar e evolucionar no seu futuro profesional. Para obter máis información sobre o programa Lidera ou sobre algún curso en concreto, pódese chamar ao número de teléfono 616 083 229 ou enviar un correo ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925