Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Apróbase o...


Apróbase o reparto de preto de 64.000 euros entre as asociacións culturais e as comisións de festas de Ames

[06-02-2018] O Concello de Ames acaba de aprobar, en Xunta de Goberno Local, a concesión das axudas relativas á promoción das actividades culturais e á organización de festexos tradicionais. Despois de resolver as solicitudes presentadas, o goberno municipal aprobou o reparto de 40.000 euros entre 17 asociacións culturais e 24.000 euros entre 9 comisións de festas. A partida destinada á promoción das actividades culturais esgotouse integramente. A estas subvencións puideron optar todas as asociacións culturais ou veciñais do concello de Ames que realizan actividades de índole cultural.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “a Xunta de Goberno Local acaba de aprobar o reparto de 64.000 euros entre as asociacións culturais e as comisións de festas do concello. Este reparto realizouse acorde a unhas novas bases que foron adaptadas á realidade e ás necesidades das asociacións e comisións de festas. Incrementamos un 10% o importe subvencionable para actividades culturais e duplicamos o importe asignado a festas nas parroquias de menos de 500 habitantes”.

Santomil engadiu que “en 2016 fixemos un proceso participativo e aberto que deu como resultado a modificación das bases. Grazas a iso incrementouse o número de solicitudes e mailo número de entidades locais subvencionadas. Deste xeito, o goberno municipal reforza as liñas de subvención de concorrencia competitiva e os criterios obxectivos”.

Para a promoción de festas tradicionais celebradas no exercicio 2017 concedéronse un total de 24.332,38 euros que irán parar as arcas de 9 asociacións e comisións de festas. Na convocatoria destas axudas introducíronse unha serie de modificacións. Deste xeito, realizouse unha actualización do censo de habitantes das parroquias e estableceuse unha nova distribución para facilitar as achegas ás parroquias con menos poboación, duplicando o importe asignado de 500 e 1.000 euros, aplicable ás parroquias de menos de 500 habitantes. Nas parroquias de tamaño medio, de ata 3.000 habitantes, o importe ascendeu a 2.500 euros, o que supuxo un incremento do 25% en relación a anteriores convocatorias, e nos núcleos urbanos de Milladoiro e Bertamiráns, incrementouse ata un máximo de 8.000 euros.

Axudas para a realización de actividades culturais
Para a realización de actividades culturais concedéronse 39.460,90 euros, repartidos entre un total de 17 asociacións culturais municipais. Deste xeito, esgotouse toda a partida dedicada a esta liña de axudas. Ao igual que no caso anterior nesta convocatoria de subvencións introducíronse varias modificacións. O principal cambio foi que se incrementou o importe subvencionable ata o 80%, de xeito que o Concello pode financiar 8 de cada 10 euros investidos polas asociacións culturais. Isto supuxo un incremento do 10% en relación ás convocatorias de anos anteriores.

En ambas convocatorias reduciuse o importe mínimo a xustificar do 50% ao 30%, de maneira que as asociacións que non puideron realizar a actividade prevista na súa totalidade, poden percibir igualmente a subvención sempre que se xustifique cando menos unha terceira parte do proxecto solicitado, coa minoración correspondente.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925