Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O CEIP de Barouta...


O CEIP de Barouta entrega media tonelada de víveres ao Banco de Alimentos do Concello de Ames

[08-02-2018] O CEIP de Barouta vén de entregar á Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, uns 500 quilos de alimentos, produtos de limpeza e artigos de aseo persoal, destinados ao Banco Municipal de Alimentos. Os diferentes produtos foron recadados a través da segunda carreira solidaria organizada polo centro, con motivo da conmemoración do día escolar da paz e a non violencia. Os víveres e demais artigos serán repartidos, nas próximas semanas, entre as familias inscritas no programa municipal de alimentos.


Baixo o lema “Móvome pola paz”, o CEIP de Baruta organizou o pasado 30 de xaneiro unha carreira solidaria, para conmemorar o día escolar pola paz e a non violencia. O evento, que implicou a toda a comunidade educativa do centro, tivo como obxectivo a recadación de alimentos non perecedoiros, produtos de limpeza e artigos de aseo persoal para o Banco de Alimentos do Concello de Ames. A través desta iniciativa, xuntáronse uns 500 quilos de alimentos, que o centro vén de entregar á Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. A actividade contou co patrocinio e colaboración tanto de organizacións e entidades públicas como privadas.

Na entrega de alimentos estivo presente a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, acompañada de dous técnicos municipais do departamento encargados de xestionar o Banco Municipal de Alimentos, do director do centro, Alonso Caxade, e da xefa de estudos, Vito García. Durante a entrega, Luísa Feijóo agradeceu ao CEIP de Barouta a realización deste evento solidario “que, ademais de axudar a parte da veciñanza amesá, transmite ás nenas e nenos a importancia da solidariedade e dos valores ligados á paz”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925