Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Punto Limpo...


O Punto Limpo alcanzou no 2017 o número máximo de visitas desde a súa creación alcanzando as 6.145 entradas

[09-02-2018] Durante o 2017, o Punto Limpo superou, por primeira vez, as 6.000 visitas. No total, foron 6.145 as veciñas e veciños de Ames que, ao longo do ano pasado, empregaron este servizo, situado no parque empresarial do Milladoiro, para depositar distintos tipos de refugallo. A cifra supón o número máximo de visitas rexistradas no Punto Limpo, desde a súa posta en marcha a comezos de 2007. No mes de xaneiro de 2018, producíronse 535 entradas.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “o Punto Limpo do Milladoiro continúa a consolidarse no concello, grazas a unha proposta válida que reafirma a idea de mellora do medio ambiente, á vez que se promoven beneficios a través da reciclaxe do material plástico, de vidro, aceites, electrodomésticos... Boa proba disto é que desde a súa creación, a mediados de xaneiro do ano 2007, o número de usuarias e usuarios non deixou de crecer”.

Ao longo de 2017, as veciñas e veciños de Ames depositaron no Punto Limpo 40.909 quilos de electrodomésticos, 18 metros cúbicos de envases baleiros contaminados, 1.755 quilos de baterías de chumbo, 114 m³ de papel, 1.402 quilos de pinturas, 69 m³ de roupa, 199 unidades de aerosois, 915 luminarias fluorescentes e 660 metros cúbicos de voluminosos (colchóns, sofás, espumas). As achegas de madeira alcanzaron os 680 metros cúbicos. Así mesmo, os aceites vexetais depositados chegaron aos 1.200 litros e os aceites minerais aos 722 litros. Ademais, superáronse os 530 metros cúbicos de escombros procedentes de obras menores, os 320 metros cúbicos de metais e os máis de 2219 quilos de neumáticos fóra de uso.

O Punto Limpo alcanzou no 2017 o seu número máximo de usuarias e usuarios, con 6.145 entradas rexistradas. O punto álxido acadouse no mes de setembro con 650 visitas.

535 entradas no mes de xaneiro
Durante o primeiro mes de 2018, as usuarias e usuarios do Punto Limpo amesán depositaron 3.445 quilos de equipos electrónicos, 200 quilogramos de envases baleiros contaminados e 260 quilos (34 unidades) de neumáticos fóra de uso. Tamén se entregaron 88 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 135 quilos (9 unidades) de baterías de chumbo, 23 quilogramos (800 unidades aproximadamente) de pilas e 4 unidades de aerosois.

Os entullos procedentes de obras menores supuxeron 20 metros cúbicos, aos que se sumaron 30 metros cúbicos de plásticos, 30m³ de metais e outros 50m³ de madeira, así como 249 quilogramos de pintura. As veciñas e veciños tamén achegaron 111 litros de aceites vexetais e outros 65 litros de aceite de motor. O Punto Limpo tamén recolleu 6 metros cúbicos de roupa, 12m³ de papel e outros 60m³ de voluminosos como colchóns, sofás e escumas. No total, rexistráronse 535 entradas no mes de xaneiro.

Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todas as veciñas e veciños de Ames, que queiran desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de orgánico, inorgánico, vidro ou papel.

O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde, entre luns e sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00h a 14:00 horas e de 16:00h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00h a 14:00 horas e de 16:00h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 536 688. Para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, os cidadáns teñen que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.

O parque de reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos, capacitado para recibir residuos de persoas particulares censadas en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para as veciñas e veciños do concello. O Punto Limpo favorece a separación en orixe, contribuíndo á reciclaxe dos residuos, recollendo os enseres domésticos e participando na loita contra os vertidos incontrolados.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925