Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A asociación...


A asociación de sendeirismo Rutas a Pie organiza para esta fin de semana un curso de iniciación ao montañismo

[14-02-2018] Os próximos 17 e 18 de febreiro, a asociación de sendeirismo Rutas a Pie organiza un curso de iniciación ao montañismo no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova. A iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Ames, ten como obxectivo facilitar ás persoas interesadas as técnicas básicas de montañismo de maneira que poidan realizar itinerarios sinxelos e en condicións estivais con seguridade e autonomía. O curso, que será impartido pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM), terá un prezo de 46 euros cun desconto de 6€ para persoas federadas.

A asociación de sendeirismo Rutas a Pie organiza para os días 17 e 18 de febreiro un curso de iniciación ao montañismo en condicións estivais. Ao longo das dúas xornadas, os contidos que se abordarán xirarán arredor do deseño das rutas, da elección do material, da orientación básica e da prevención de riscos. Deste xeito, as persoas participantes obterán coñecementos acerca do equipo específico necesario, das comunicacións, da avaliación de riscos, da importancia da planificación, das técnicas de orientación básicas, do ritmo e do desenvolvemento desde tipo de actividades, así como das técnicas de progresión segundo o tipo de terreo. Ademais, o curso tamén incluíra formación relativa aos primeiros auxilios básicos e ao protocolo de actuación en caso de accidente.

O curso desenvolverase no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova, en horario de 09:30h a 13:30 horas e de 15:00h a 19:00 horas. O prezo do curso será de 46 euros, existindo un desconto de 6€ para persoas federadas. O obxectivo desta actividade é o de facilitar ás persoas asistentes a aprendizaxe dun conxunto de técnicas que as preparen para a realización de itinerarios sinxelos por montañas, en terreo non nevado, de forma segura e con autonomía.

Tramitación das inscricións
As persoas interesadas en inscribirse ou en obter máis información sobre o curso pódeno facer a través do enderezo de correo electrónico clubrutasapie@gmail.com, do perfil de Facebook da asociación Rutas a Pie ou dos números de teléfono 628 28 79 57 e 675 68 01 59. Ao remate do curso, entregarase un certificado acreditativo emitido pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM), entidade encargada de impartir a formación xunto coa Federación Galega de Montañismo (FGM).


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925