Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Xunta de Goberno...


A Xunta de Goberno Local aproba o expediente de contratación das obras de ampliación do abastecemento de auga en Bugallido e de mellora da accesibilidade no Milladoiro

[14-02-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, a semana pasada, o expediente de contratación das obras de ampliación do abastecemento de auga nos lugares de Guimaráns e Quistiláns, pertencentes á parroquia de Bugallido. Esta obras, que teñen un orzamento de 40.559,96 euros, son sufragadas a través do PAI complementario de 2016. Ademais, aprobouse o expediente de contratación para mellorar a accesibilidade na rúa Agro do Medio, do Milladoiro. Este proxecto conta cun presuposto de 126.144,74 euros e está sufragado con cargo ao POS adicional 2017. Tamén se aprobou a clasificación de ofertas para a adxudicación das obras de saneamento en Ventosa. O importe da oferta do licitador ascende á contía de 40.420 euros.

O proxecto de ampliación de abastecemento de auga a Guimaráns recolle a canalización de 901 metros de tubería de polietileno, dos que 530 metros serán de 90 milímetros de diámetro e 10 atm. de presión; 295 metros de 75 milímetros e 10 atm; e os restantes 76 metros de 32 milímetros e 10 atm de presión, cos correspondente valvulería e arquetas de aloxamento, previa escavación dunha zanxa e o posterior recheo compactado da mesma. Tamén se contempla no proxecto a execución de 120 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón. Unha vez rematada a obra haberá que repoñer o pavimento afectado pola execución dos traballos.

No proxecto de ampliación do abastecemento de auga no lugar de Quistiláns recóllese a canalización de 148 metros de tubería de polietileno, dos que 120 metros serán de 75 milímetros de diámetro e 10 atm de presión e os restantes 28 metros de 32 milímetros e 10 atm, coa correspondente valvulería e arquetas de aloxamento, previa escavación de zanxa e posterior recheo compactado da mesma. Ao igual que no caso anterior, unha vez rematada a obra haberá que repoñer o pavimento afectado pola execución dos traballos. Estas dúas obras, que teñen un orzamento de 40.559,96 euros, son sufragadas a través do PAI complementario de 2016.

Mellora da accesibilidade no Milladoiro
Por outra banda, aprobouse o expediente de contratación para mellorar a accesibilidade na rúa Agro do Medio do Milladoiro. Este proxecto conta cun presuposto de 126.144,74 euros e está sufragado con cargo ao POS adicional 2017. A través desta intervención trátase de que o espazo público obxecto e dita actuación poida ser utilizado por todas as persoas con independencia da súa condición e o seu nivel de mobilidade.

Por tanto, con carácter xeral acondiciónanse os vaos que non estaban adaptados correctamente e supoñen unha barreira para usuarios/as de mobilidade reducida ou usuarios/as de cadeiras de rodas e/ou persoas con problemas de visión. Nalgúns casos créanse vaos novos e paso de peóns, alí onde se diagnostican as barreiras arquitectónicas de carácter urbanístico. Noutros casos é preciso ampliar as beirarrúas para poder aloxar convenientemente os novos vaos de peóns e dispor de recorridos adaptados. Tamén se adapta o mobiliario urbano existente (papeleiras, sinais de tráfico ou indicativas) ou se substitúe por elementos adaptados.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925