Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames organiza un ciclo de charlas informativas sobre a avespa velutina

[10-03-2018] Este luns, 12 de marzo, comenza a campaña de mitigación da invasión da vespa velutina no concello de Ames. Lolo Andrade, entomólogo e técnico de Protección Civil de Cambre, e que leva unha longa e intensa traxectoria de estudo e desenvolvemento de métodos de loita contra a expansión da avespa asiática será o encargado da impartición das charlas teórico-prácticas. A primeira delas terá lugar este luns, 12 de marzo, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, de 20:00 a 21:00 horas. Ademais, co fin de achegar a información de como loitar contra este insecto no medio máis afectado, como é o rural, realizaranse sendas prácticas nos locais sociais de Augapesada o día 15 de marzo e no local social de Bugallido o martes 20 de marzo.

Baixo o lema O Concello de Ames plántalle cara a Vespa Velutina, a Concellaría de Medio Ambiente organizou unha serie de charlas informativas sobre a avespa velutina. Tratase dunha campaña de mitigación da invasión da vespa asiática, a través da impartición de tres charlas informativas que impartirá o entomólogo e técnico de Protección Civil de Cambre, Lolo Andrade. A primeira actividade realizarase este luns, 12 de marzo, cunha charla teórico – práctica no Pazo da Peregrina.

A Concellaría de Medio Ambiente e maila Agrupación de Protección Civil de Ames traballan de xeito coordinado neste eido. Así, os voluntarios e voluntarias de Protección Civil participarán nos traballos de retirada de niños, tamén farán trampeo e manterán a poboación informada. O Concello de Ames está adherido ao plan de control da avespa velutina da Consellaría de Medio Rural, o que lle permite dispor de equipos de protección individual e dunha pértega con elementos accesorios. Ademais, o acordo subscrito entre as dúas Administracións tamén posibilita que o grupo de persoas voluntarias de Protección Civil de Ames dedicadas a estas labores reciban información especializada, orientada á realización de traballos de retirada de niños.

Co fin de achegar a información de como loitar contra este insecto no medio máis afectado, como é o rural, realizaranse sendas prácticas nos locais sociais de Augapesada o día 15 de marzo e no local social de Bugallido o martes 20 de marzo. Protexer as colmeas, a froita, e mailos paxaros e o obxectivo principal desta campaña, ao tempo que tranquilizar á veciñanza ante alarma que este insecto causa. Ademais, nestas charlas darase información sobre as trampas que mellor funcionan e os líquidos atraintes recomendados que non causan dano noutras especies. Tamén será importante prestar atención aos diferentes métodos de loita que debemos adoptar nos distintos meses do ano adecuándoos ao ciclo biolóxico da velutina. Así, de marzo a maio e de setembro a outubro débese facer o trampeo das avespas raíñas.

Reparto dun cento de trampas
No 2017, a Concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible repartiu medio cento de trampas coas que tentar capturar ás raíñas e imposibilitar, dese xeito, a aparición de máis niños primarios. Este ano, o departamento de Medio Ambiente conseguiu ampliar o programa polo que distribuirá no total un cento de trampas entre as veciñas e veciños do concello. Como novidade, neste 2018 as trampas serán colocadas en dúas fases diferentes, a primeira das cales desenvolverase entre os meses de marzo e maio. As trampas que se coloquen durante este primeiro período estarán dirixidas á captura de raíñas, que nesta altura do ano deixan de estar enterradas para a creación de novos niños. A segunda etapa do ciclo de loita contra a avespa velutina terá lugar nos meses de setembro e outubro. Nesta fase o obxectivo será apresar as novas raíñas existentes despois da primeira etapa.

Así mesmo, tamén se irán colocar trampas nun radio de 500 metros arredor dos niños secundarios. Estes niños xa non supoñen ningún risco, xa que foron abandonados pola avespas, porén é frecuente que as novas raíñas se enterren preto dos antigos asentamentos. As accións desenvolvidas polo Concello de Ames na loita contra a avespa velutina seguen a liña de actuación recomendada pola Asociación Galega de Apicultores (AGA). Cómpre destacar asemade que preto de medio centenar das tramas que se instalarán foron realizadas pola asociación Arcea-Adames.

A vindeira semana comezará a cesión de trampas aos veciños e veciñas de Ames para a captura de raíñas. As persoas interesadas en colaborar na loita fronte a expansión da velutina poderán solicitar unha destas trampas a través da Aula da Natureza, enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 660 00 46 65, en horario de 9:00 a 14:00h. O obxectivo desta acción é ir distribuíndo trampas polas parroquias máis afectadas, seguindo unha pauta de distribución de 500 metros entre elas.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925