Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Punto Limpo...


O Punto Limpo rexistrou 402 entradas no mes de febreiro

[10-03-2018] Unha vez máis, o centro de depósito de residuos Punto Limpo, situado no polígono do Milladoiro, continúa a rexistrar uns magníficos datos que amosan a concienciación da cidadanía amesá co medio. No mes de febreiro, os datos rexistrados amosan esta tendencia cun total de 402 entradas; unha cifra que reflicte que a veciñanza segue a empregar o Punto Limpo á hora de desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

As veciñas e veciños de Ames continúan a mostrar o seu compromiso co medio ambiente, a través da correcta xestión dos residuos que non van nos colectores convencionais. Neste sentido, o Punto Limpo municipal está a rexistrar nos últimos meses unhas cifras de entradas constantes, con 402 entradas no mes de febreiro.

Durante o pasado mes, as veciñas e veciños de Ames entregaron 2.360 quilos de equipos electrónicos, 100 quilogramos de envases baleiros contaminados e 240 quilos (30 unidades) de pneumáticos que se atopaban fóra de uso. Así mesmo, tamén se entregaron 191 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 130 quilos (9 unidades) de baterías de chumbo, 15 quilogramos (525 unidades) de pilas e 5 unidades de aerosois.

Os entullos procedentes de obras menores supuxeron, pola súa banda, 20 metros cúbicos, aos que se sumaron 20 metros cúbicos de plásticos, 30 de metais e outros 50 de madeira, así como 11 quilogramos de pintura. A veciñanza do concello tamén achegou 60 litros de aceites vexetais e outros 28 de aceite de motor. O Punto Limpo tamén recolleu, durante o mes de febreiro, 6 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 50 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas.

Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todas as veciñas e veciños de Ames que queiran desfacerse de obxectos e materiais que non vaian nos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde, entre luns e o sábado. Desta maneira, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00h a 14:00 horas e de 16:00h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00h a 14:00 horas e de 16:00h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 536 688. Para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, será preciso chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.

O parque de reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario equipado de colectores específicos, que está capacitado para recibir residuos das persoas censadas en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. Este centro favorece a separación en orixe, contribuíndo á reciclaxe dos residuos, recollendo os enseres domésticos e participando na loita contra os vertidos incontrolados. O servizo é de balde para as veciñas e veciños de Ames.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925