Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A agrupación...


A agrupación de Protección Civil, a Policía Local e a Brigada municipal de Obras traballaron de xeito coordinado para resolver as incidencias provocadas pola borrasca Félix

[12-03-2018] Ao longo desta fin de semana, as persoas voluntarias da agrupación de Protección Civil do Concello de Ames, os axentes da Policía Local e os membros da Brigada municipal de obras traballaron de xeito coordinado co obxectivo de solucionar, de maneira eficaz e no menor tempo posible, as incidencias provocadas pola borrasca ‘Félix’ no termo municipal. As principais actuacións estiveron ligadas á caída de árbores, aos desprendementos de muros, fachadas e tellas, ao peche de estradas e ao recoñecemento de zonas inundables, entre outras. Así mesmo, as actividades deportivas exteriores programadas para o sábado e o domingo foron suspendidas debido ás condicións meteorolóxicas adversas.


A agrupación de Protección Civil, os axentes da Policía Local e membros da Brigada Municipal de Obras traballaron conxuntamente esta fin de semana para dar solución ás incidencias ocasionadas pola borrasca ‘Félix’. Estes traballos coordinados formaron parte do operativo especial organizado polo Concello de Ames, por causa da predición meteorolóxica de vento e choiva prevista para este sábado e domingo (alerta laranxa). Á hora de dar aviso das incidencias detectadas, a veciñanza xogou un papel importante notificándoas ás autoridades pertinentes a través dos números de teléfono do 112, da Policía Local de Ames e da agrupación de Protección Civil.

As árbores caídas centraron parte das accións levadas a cabo ao longo da fin de semana por parte dos tres corpos. No total, tiveron que ser retiradas varias árbores deitadas en rúas e estradas por mor dos fortes ventos e da choiva. As árbores deitadas atopábanse na estrada Barouta-Seares de Abaixo, na estrada Ponte Maceira-Trasmonte, na de Feiraco-Ons, na CP 205 e máis na pista que vai á depuradora de Sisalde. De igual maneira, tamén tiveron que ser apartadas árbores caídas en Aldea Nova, na aldea de Outeiro, en Arufe, Barouta, na Condomiña e en Lens. Ademais, en Portanxil, na parroquia de Trasmonte, houbo que retirar as ramas que se atopaban ciscadas pola estrada e que impedían ou dificultaban o paso de vehículos. Na Garea, na parroquia de Agrón, tamén foi preciso retirar unha póla que estaba impedindo o paso, así como en Lapido, Ortoño, onde unha rama estaba a ocupar parte dun carril.

Alén diso, as persoas integrantes das tres forzas tiveron que cortar a estrada que une Tapia con Piñeiro por causa das inundacións provocadas pola forte choiva. Do mesmo xeito, tamén tiveron que actuar na rúa Rosalía de Castro, no Milladoiro, onde varias tellas dun mesmo edifico se desprenderon, así como na rúa Curuxa desta localidade, onde estaban a voar as pranchas de aluminio existentes no falso teito do edificio do Supercor. Nestes casos, sinalizáronse as zonas afectadas para evitar danos maiores.

Así mesmo, estes corpos tiveron que atender aos desprendementos de dúas fachada na rúa do Arrucheiro e na rúa Rueiro, en Bertamiráns, onde houbo que colocar unhas vallas de sinalización. No tocante aos desprendementos, o intenso vento tamén provocou o derrubamento parcial de catro muros, situados no acceso a Reino en Trasmonte, na Igrexa de Tapia, na estrada antiga de Ortoño e no lugar de Ventosa, na parroquia de Covas. Por último, as actuacións do operativo organizado polo mal tempo estiveron centradas no recoñecemento de zonas inundables en varios puntos do termo municipal como, por exemplo, na ponte pequena que se atopa ao pasar a praia de Tapia.

O operativo completouse con outras actuacións como a busca dun lugar onde durmir para dous veciños de Ames, que se atopaban en diferentes situacións de desamparo e que remataron pasando as noites de temporal no albergue compostelán de Xoán XXIII. Ademais, o operativo tamén incluíu outras pequenas accións como a colocación dos colectores de lixo desprazados por mor do mal tempo. 

Suspendidas as actividades ao ar libre 
O Concello de Ames suspendeu as actividades deportivas, que normalmente se desenvolven ao ar libre, previstas para o sábado e o domingo pasados. Entre estas actividades suspensas atopábase a segunda proba do circuíto Transgalaica 2018, na que ían participar máis de 300 persoas. Ademais das actividades de carácter deportivo, tamén foi suspendida a excursión organizada polo Concello de Ames aos legados emblemáticos do legado rosaliano, prevista para o sábado pola mañá.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925