Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O director xeral de...


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral e os alcaldes de Ames e Brión visitan ao alumnado do InserAmes-Brión X e do RenovAmes-Brión II

[12-03-2018] Esta mañá o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, José Alfonso Marnotes, visitou xunto cos alcaldes de Ames, José Miñones, e de Brión, José Luis García, así como a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e mailo concelleiro do grupo municipal popular, Javier Olmo, ás instalación do Centro de Formación de Aldea Nova onde se está impartindo o programa integrado para o emprego “InserAmes-Brión X” e o obradoiro de emprego “RenovAmes-Brión II”. A través deste obradoiro de emprego, que remata a vindeira semana, instaláronse instalacións caloríficas en varias dependencias e locais dos concellos de Ames e Brión.

Durante a visita o alcalde de Ames, José Miñones, destacou “o alumnado que estades na segunda edición do obradoiro de emprego RenovAmes-Brión tedes que aproveitar esta oportunidade porque estades formándovos nun sector que precisa de profesionais cualificados como é o das enerxías renovables. O vindeiro luns rematades esta formación e partir de aí tedes que empezar a chamar en diferentes portas para que vos dean unha oportunidade laboral co obxectivo de demostrar o aprendido. Sabedes que podedes contra co persoal do Concello para axudarvos na busca de traballo”. Ademais, animou ao alumnado do programa integrado a aproveitar a formación que se está impartindo “xa que se trata dunha iniciativa que ten unha porcentaxe de inserción por encima do 40%”.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, José Alfonso Marnotes, dixo “o noso obxectivo é que recibades unha formación para o emprego e para atopar traballo. Dende a Xunta de Galicia e dende os Concellos estamos apostando polas políticas de eficiencia enerxética, que implican unha aposta polas enerxías renovables e que redundan no beneficio da veciñanza coa mellora das instalacións municipais. Este sector está en auxe e é intelixente por parte dos Concellos apostar por este tipo de obradoiros xa que hai necesidade de profesionais que traballen neste eido. Teño que darvos os parabéns pola vosa implicación e pola vosa dispoñibilidade para formarvos e intentar incorporarvos ao mercado laboral cunha formación homologada. Ao alumnado do programa integrado pídovos que vos esforcedes xa que é un programa cun alta porcentaxe de empregabilidade”.

Dende o pasado mes de setembro estase desenvolvendo o obradoiro de emprego RenovAmes-Brión, que está centrado na formación na especialidade de montaxe e mantemento de instalacións caloríficas. O obradoiro enmárcase dentro do programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, polo que todas as súas participantes son persoas menores de 30 anos, inscritas previamente no mesmo e apuntadas como interesadas en participar nestes obradoiros de emprego. Neste obradoiro participan 15 alumnas e alumnos traballadores e catro persoas do equipo docente (o director do obradoiro, un mestre, un orientador e un auxiliar administrativo).

Este obradoiro conta co apoio financeiro da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo. Ademais, enmárcase dentro do programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, para menores de 30 anos de baixa cualificación. Instalación de equipamentos térmicos de biomasa
Ao longo destes seis meses, o alumnado participante, instalou equipamentos térmicos de biomasa e de mellora da eficiencia enerxética nos locais socias de Ameixenda, Cruxeiras e Firmistáns, en Ames, e na escola infantil dos Ánxeles e na escola rural de Luaña, en Brión. O obxectivo deste obradoiro, que se caracteriza por ser un programa mixto de emprego e formación, é o de mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas. Por este motivo, as 15 persoas participantes (12 de Ames e 3 de Brión) están, durante estes meses, contratadas baixo a modalidade dun contrato de formación e aprendizaxe.

O alcalde de Brión, José Luis García, destacou a importancia deste obradoiro que serviu para mellorar as instalacións da escola infantil dos Ánxeles e da escola rural de Luaña. “Tan só hai que achegarse por estas escolas para comprobar as melloras que supuxeron os traballos executados polos alumnos/as traballadores do RenovAmes-Brión, para instalar novos equipos caloríficos que permiten un importante aforro enerxético e unha clara aposta polas enerxías renovables”.

InserAmes-Brión X
Por outra banda, dende o pasado 1 de decembro os Concellos de Ames e Brión están desenvolvendo a décima edición do programa integrado para o emprego InserAmes-Brión, que conta cunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 204.000 euros. O Concello fai unha achega de fondos propios de 40.369,90 euros o que se supón que se dedica un orzamento total 244.369,90 de euros. Deste proxecto beneficiaranse 85 participantes que contan co apoio de 2 titores/as. Esta iniciativa terá unha duración de 12 meses nos que se imparten diversas accións formativas, transversais e específicas, realízanse prácticas non laborais en empresas e que conta cun servizo de titorías individuais, ademais de outras actividades (prospección, intermediación laboral con empresas, etc).

Durante a segunda quincena de febreiro comezáronse a impartir os primeiros obradoiros relacionados coa procura activa de emprego. Así, impartiuse o curso de recursos e ferramentas para a procura de emprego (CV, carta, correo electrónico, portais de emprego, autocandidatura, redes sociais, Apps...), o obradoiro de competencias e habilidades sociolaborais para a procura de emprego (autocoñecemento, obxectivo profesional, habilidades...) e mailo taller de procesos de selección. Tamén se impartirá formación para o emprego. Esta formación máis específica estrutúrase en itinerarios sectoriais, con cursos monográficos, prácticas non laborais e cursos complementarios (itinerarios de comercio/loxística; de actividades de ocio e tempo libre, e de servizos).

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925