Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O auditorio da Casa...


O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este xoves, 15 de marzo, o segundo pleno sobre o estado do Concello de Ames

[13-03-2018] Este xoves, 15 de marzo, ás 20:30 horas, celebrarase o segundo pleno extraordinario sobre o estado do Concello de Ames. Será o segundo pleno aberto despois do feito o ano pasado no Milladoiro. Esta sesión plenaria terá un único punto que será o debate do estado do Concello durante o último ano. Cómpre lembrar que o 23 de marzo de 2017 celebrouse no Milladoiro o primeiro pleno extraordinario da historia de Ames sobre o estado do Concello.

O primeiro pleno do estado do Concello de Ames serviu para facer balance dos preto de dous anos que levaba naquel momento gobernando o tripartito formado por PsdG, Contigo Pódese e BNG. Naquel pleno interviron o alcalde, José Miñones, os voceiros/as dos grupos políticos que forman parte do goberno: David Santomil (BNG), Genma Otero (Contigo Pódese) e Blas García (PSdG), así como os voceiros/as do resto dos grupos con representación na corporación municipal: Oliva Agra (PP), Pilar Candocia (Ames Novo), Ramón García Argibay (Pacto x Ames) e o concelleiro non adscrito Javier López.

A través desta sesión plenaria trátase de abrir os plenos á veciñanza naqueles temas de maior importancia como pode ser debater sobre a xestión e traballo que está realizando o goberno municipal. Estes plenos desenvólvense nos auditorios das casas da cultura por ter maior aforo que o salón de plenos da Casa do Concello e son froito do acordo acadado ao inicio da lexislatura para a aprobación do regulamento de organización do Concello no que se regula o formato e tempos de intervención deste tipo de plenos.

Así pois, este xoves 15 de Marzo e dando cumprimento ao regulamento que indica que dentro dos tres primeiros meses do ano debe ter lugar o pleno do estado do Concello, haberá unha nova oportunidade de escoitar o balance do ano 2017 que farán os grupos de goberno e da oposición. Deste xeito, convídase a toda a cidadanía a que se achegue a escoitar este balance anual.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925