Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A obra teatral Casa...


A obra teatral Casa O’Rei será representada este venres na Casa da Cultura do Milladoiro

[13-03-2018] A programación teatral do Concello de Ames continúa este venres, 16 de marzo, coa representación da obra teatral “Casa O’Rei” da compañía Ibuprofeno Teatro. Dirixida a un público adulto, a peza propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir do “Rei Lear” de William Shakespeare, só que nesta ocasión ambientado nunha típica casa de comidas galegas. A obra, coa que a compañía completa a súa triloxía gastronómica xunto co “Furancho” e “Raclette”, será representada na Casa da Cultura do Milladoiro ás 21:00 horas. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica. Así mesmo, tamén se poden mercar anticipadamente nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial desde unha hora antes do comezo do espectáculo.

O protagonista desta peza é Manolo Rei quen, vello e enfermo, prepara un cocido e reúne a toda a familia. A comida como sempre é unha escusa, desta vez para deixar repartida a casa entre as súas fillas. Porén, o cocido sáelle cargado de traizón e desprezo, intragable polo amargor dun mundo novo, acedo e descoñecido, que trae do estranxeiro unha morte preconxelada e adobiada con fel. Nesta peza, o tempo, o destino e o Burguer King son implacables coa sorte daquelas persoas que non saben seleccionar os ingredientes axeitados para elaborar as receitas da súa vida.

O texto e a dirección da peza é un traballo do actor, director e dramaturgo Fran Cortegoso, quen propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir da obra “O Rei Lear” de William Shakesperare. O elenco está conformado por Miguel Borines, Victoria Tejeiro, Marián Bañobre, Teté García, Víctor Mosqueira e Xosé Manuel Esperante. Con “Casa O’Rei”, a compañía pecha a súa triloxía gastronómica da que tamén fan parte os espectáculos “O Furancho” e “Raclette”.

As entradas para este espectáculo xa están dispoñibles na Billeteira electrónica. Así mesmo, tamén se poden adquirir anticipadamente nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse para vender, de xeito presencial, desde unha hora antes do comezo do espectáculo. Cada entrada ten un prezo de cinco euros, cun desconto do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925