Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O goberno municipal...


O goberno municipal inviste máis de 100.000 euros na construción dunha senda peonil en Lapido e na pavimentación da rúa Entrerríos

[13-03-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, estiveron visitando varias das obras que se están realizando na actualidade e algunhas outras que veñen de rematar. Primeiro visitaron os traballos que se están realizando na estrada de Laipido para instalar as canalizacións de pluviais, así como para construír unha senda peonil de 600 metros de lonxitude. Ademais, executouse a mellora do pavimento da rúa Entrerríos que conecta as rúas Alcalde Lorenzo e Muíño, onde está a escola infantil A Galiña Azul de Bertamiráns. Nestes proxectos invístense 110.736,83 euros de fondos propios municipais.

O goberno municipal está realizando dúas obras con fondos propios. Tratase da execución dunha senda peonil que discorre pola estrada de Lapido. Esta obra estase levando a cabo na actualidade, e da pavimentación da rúa Entrerríos, situada en Bertamiráns, que xa está rematada. Aproveitando a instalación das canalizacións de pluviais nos tramos que non existía (entubando tramos de cuneta) da estrada de Lapido, executouse unha senda peonil que prolonga a beirarrúa existente dende o parque infantil ata o camiño que dá acceso a Ermida das Mercedes.

Deste xeito, vaise rematar a devandita obra coa execución dunha senda peonil, que disporá de metro e medio de ancho aproximadamente. Esta senda, que será de formigón coloreado, discorrerá pola marxe norte da estrada de Lapido, onde está o parque infantil e maila pista de deporte. Levará dende aí, no punto que remata hoxe a beirarrúa, no cruce coa rúa do Muíño, ata chegar ao núcleo da Barreira onde está a parada de autobús, cunha lonxitude de 600 metros, salvo os tramos que xa teñen beirarrúa. Esta obra ten un custo de 35.293,54 euros.

Por outra banda, tamén se executou a mellora do pavimento da rúa Entrerríos que conecta as rúas Alcalde Lorenzo e Muíño, onde está a escola infantil A Galiña Azul de Bertamiráns. Esta obra executouse en dous treitos diferentes: un de 100x8,00 e outro de 170x6,00 metros, así como un abanico de 25x5,00 metros. Deste xeito, mellorouse a capa de rodaxe con cinco centímetros de aglomerado en quente, previa reparación das fochancas existentes e perfilar as mordentes. Para iso empregouse quince centímetros de zahorra, quince centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo no treito de 170 metros.

Mellora do tránsito peonil
Tamén se executaron 300 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizou tubería de PVC de 315 milímetros de diámetro e executáronse 10 arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais. Asemade, para dar continuidade ao tránsito peonil entre as beirarrúas existentes e maila cuneta de seguridade pavimentouse un treito de 22 metros de lonxitude e 3 metros de ancho con vinte centímetros de formigón. Tamén se realizou un muro de bloques de granito de 50 metros de lonxitude e 2 metros de alto para a contención de terras. Esta obra tivo un custo de 75.443,29 euros.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “coa construción da senda peonil pola estrada de Lapido mellorase a seguridade viaria deste lugar para que a veciñanza desta aldea poidan camiñar por dita estrada con maior tranquilidade. Son moitos os veciños e veciñas desta lugar que van camiñando a Bertamiráns, polo que se trata dunha obra que era necesaria. Ademais, mellorouse o pavimento da rúa Entrerríos que conecta a parte antiga desta rúa, dende Alcalde Lorenzo, coa rúa Muíño onde está situada a escola infantil da Galiña Azul de Bertamiráns”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925