Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A programación...


A programación da Aula CeMIT para o mes de abril inclúe cursos formativos e a convocatoria dun exame EMA

[10-04-2018] Ao longo do mes de abril, a Aula CeMIT de Bertamiráns realizará unha serie de actividades dirixidas tanto a persoas adultas como a mozas e mozos. Así, a programación para este primeiro mes da primavera, inclúe a celebración de cursos formativos, charlas informativas e exames EMA de teleformación. O primeiro curso programado para o mes de abril tivo lugar entre os días 2 e 4 e estivo centrado no funcionamento do correo electrónico, tanto no computador como no teléfono móbil. Este martes, 10 de abril, comezou o segundo dos cursos: Traballando na Nube. Para obter máis información acerca das actividades programadas ou para obter praza nalgunha delas, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9, achegándose á aula CeMIT situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.

A Aula CeMIT de Bertamiráns desenvolverá ao longo de abril unha serie de cursos dirixidos a un público adulto e mozo. A primeira destas actividades, O correo electrónico: web e smartphone, tivo lugar a pasada semana, o luns e o mércores, en horario de 10:00h a 11:30 horas. A finalidade deste curso foi a de ensinar ás persoas participantes a empregar o correo electrónico, tanto no computador como no móbil, a través da análise das súas semellanzas e diferenzas. O curso encadrouse no ciclo de Apps no móbil, que contou cunha primeira formación en marzo centrada nas aplicacións web.

Ademais, este martes, 10 de abril, deu comezo o curso Traballando na Nube, dirixido tamén a un público adulto. Neste obradoiro, as persoas participantes aprenderán a usar estes dispositivos de creación e partilla de documentos, centrándose no Google Drive mais abordando tamén outras alternativas. O curso desenvolverase ata o vindeiro 26 de abril, os martes e os xoves, en horario de 10:00h a 11:30 horas. 

Así mesmo, mañá, 11 de abril, tamén comezará o curso Edición de Imaxes con GIMP, que se impartirá os mércores de 10:00h a 11:30 horas. Esta formación ten como obxectivo iniciar ás persoas asistentes na edición e manipulación de imaxes con GIMP, a alternativa gratuíta máis coñecida ao Photoshop. A formación rematará o 2 de maio. Aprender a usar o teu smartphone é o último dos cursos organizados pola Aula CeMIT de Bertamiráns para persoas adultas. O curso, que se realizará entre o 16 e o 25 de abril, os luns e os mércores, de 18:15h a 19:45 horas, buscará ensinar ás persoas participantes o xeito de manexar o sistema e as aplicacións máis básicas do smartphone.

Ciclo de Ofimática
O Ciclo de Ofimática da Aula CeMIT estendeuse ao longo dos meses de febreiro, marzo e abril, coa realización de cinco cursos indicados tanto para aquelas persoas que desexasen presentarse ao exame CODIX, como para aquelas outras que simplemente estivesen interesadas na aprendizaxe da ofimática desde o nivel máis básico. Os dous primeiros cursos enfocáronse no procesador de textos LibreOffice Writer e desenvolvéronse en febreiro, mentres que no mes de marzo realizáronse outro par de formacións centradas no emprego de follas de cálculo LibreOffice Calc. Este mércores concluirase o Ciclo coa última sesión do curso Presentación con LibreOffice Impress. 

Writer para estudantes
Neste mes de abril, a mocidade poderá asistir ao curso Writer para estudantes, que se celebrará os luns e os mércores, en horario de 18:15h a 19:45 horas, entre o 17 e o 26 de abril. O curso introducirá ás mozas e mozos no procesador de textos Writer, unha ferramenta indispensable para os seus traballos escolares. As rapazas e rapaces que se queiran inscribir deberán estar rexistrados previamente na Aula CeMIT.

Charlas informativas e exame EMA
O pasado luns, 9 de abril, a Aula CeMIT de Bertamiráns acolleu novamente unha videoconferencia emitida desde a Escola Galega de Consumo. Este día, a palestra versou sobre o aluguer de vivenda. Estas charlas véñense desenvolvendo o primeiro luns de cada mes, en horario de 11:00h a 12:30 horas.

No tocante aos exames EMA, as persoas interesadas terán a oportunidade de facelo o 13 de abril. O exame realizarase entre as 12:00h e as 13:30 horas. A proba é precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe do CeMIT.

Tramitación das inscricións
Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula da Casa da Cultura (de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00h), chamando ao número de teléfono 662 371 511 (no mesmo horario) ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925