Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames asina o convenio de colaboración coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para participar no programa Vacacións en Paz 2018

[12-04-2018] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e a presidenta da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), María Teresa Isla, asinaron o convenio de colaboración a través do cal o Concello participa no programa Vacacións en Paz 2018, que promove a entidade. Neste acto tamén estiveron presentes a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, o delegado da Fronte Polisaria en Galicia, e o técnico municipal, Leonardo Pena. A través deste acordo, o Concello de Ames sufragará o billete de avión de ida e volta das seis nenas e nenos, que pasarán os meses de xullo e agosto con familias de acollida amesás.


O alcalde de Ames, José Miñones, e a presidenta da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, María Teresa Isla, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que posibilita a participación de Ames no programa Vacacións en Paz 2018. Mediante esta sinatura, o Concello comprométese a sufragar os billetes de avión das seis nenas e nenos que este verán, ao longo dos meses de xullo e agosto, serán acollidos por familias amesás. No total, o Concello achegará 5.340 euros para o financiamento dos voos.

O convenio de colaboración tamén contempla a difusión do programa por parte do Concello, así como o desenvolvemento de labores de mediación entre as familias e a asociación, co fin de xestionar a estadía das nenas e nenos saharauís en Ames. No acto de sinatura tamén estiveron presentes a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, o técnico municipal, Leonardo Pena, e o delegado da Fronte Polisaria en Galicia, quen aproveitou o encontro para convidar ao alcalde a participar nunha viaxe de tres días aos campamentos. Alén diso, o delegado da Fronte Polisaria tamén anunciou unha campaña de recollida de material en desuso nos Concellos.

Durante a súa intervención, a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, salientou “ a gran labor que fai a asociación, ano tras ano, tanto na difusión do programa para conseguir familias acolledoras como na consecución de fondos, de maneira que cada verán poidan ser máis as nenas e nenos que se beneficien do programa Vacacións en Paz, aproveitando a súa estadía para pasar revisións médicas e escapar da calor extrema dos campamentos neses meses”.

Pola súa banda, a presidenta da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, María Teresa Isla, dedicou unhas palabras de agradecemento ao Concello de Ames pola súa participación. “Gustaríame agradecer o traballo que o goberno municipal, así como o seu persoal técnico, realiza cada ano para facernos as cousas máis fáciles. Grazas tamén ás familias acolledoras do concello, que son excelentes, e a nosa compañeira Esther Ybarra, que co seu traballo diario fai posible que este programa continúe ano tras ano”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925