Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Fondo Galego de...


O Fondo Galego de Cooperación oferta dúas prazas de voluntariado internacional dirixidas ao persoal das deputacións e dos concellos socios

[13-04-2018] O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade volve pór en marcha o programa Vacacións con Traballo, a través do cal dúas técnicas ou técnicos das deputacións e dos concellos socios pasan entre 15 días e un mes colaborando cos parceiros da entidade en Mozambique e Cabo Verde. O obxectivo desta iniciativa é que as persoas participantes acheguen asesoramento técnico nestes países, intercambiando coñecementos e supervisando os proxectos de cooperación internacional. Os perfís que se demandan este ano son fundamentalmente dous: unha técnica/o de Informática e unha técnica/o de Turismo. As persoas interesadas poderán presentar a súa candidatura ata o vindeiro 30 de abril, enviando a ficha de solicitude ao enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.org, xunto co currículum, unha carta de motivación e un escrito de apoio ou consentimento asinado pola persoa que sexa a representante política do Fondo no correspondente concello ou deputación. Desde o ano 2006, un total de 42 empregadas e empregados da administración local participaron no programa Vacacións con Traballo, entre elas a técnica de Turismo do Concello de Ames, Sonia Moure. Premendo a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a ficha de solicitude.

O programa de voluntariado internacional do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Vacacións con Traballo, volverá levar este ano a dúas técnicas ou técnicos das deputacións e dos concellos socios a Cabo Verde e Mozambique. Alí pasarán entre 15 días e un mes colaborando cos parceiros da entidade, co obxectivo de achegar asesoramento técnico, intercambiar coñecementos, supervisar os proxectos de cooperación internacional e facilitar a colaboración entre as administracións locais de Galicia e do país de destino. Así mesmo, o programa Vacacións con Traballo pretende enchoupar ás persoas participantes doutras realidades, ao tempo que as conciencia sobre as mesmas.

Os perfís que se demandan este ano son fundamentalmente dous. Por unha banda, en Mozambique, a Fundação Encontro, que atende á poboación vulnerable, precisa dunha técnica/o de informática, que lle axude a organizar a base de datos da súa área de actuación. En caso de non cubrirse esta praza, o perfil secundario sería o de educadora/o social. O municipio caboverdiano de Santa Cruz, pola súa banda, require dunha técnica/o de Turismo que contribúa a promover o turismo rural na Cámara Municipal. As opcións secundarias son neste caso as de técnica/o de Deportes, animadora/o sociocultural e técnica/o de Mocidade.

As candidaturas presentaranse enviando a ficha de solicitude ao enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.org, xunto co currículum, unha carta de motivación e un escrito de apoio ou consentimento asinado pola persoa que sexa a representante política do Fondo no correspondente concello ou deputación. Alén da formación e da experiencia, valorarase tamén a vinculación co eido da cooperación e o dominio do galego e do portugués. O prazo para presentar as candidaturas remata o vindeiro 30 de abril.

O programa Vacacións con Traballo cubre os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención da viaxe. As persoas participantes deberán, ademais de realizar as labores descritas, participar activamente no blog do proxecto, co fin de de visibilizar as realidades destes países e de sensibilizar á poboación galega sobre elas. De igual maneira, unha vez finalizada o programa, o Fondo editará un caderno dixital.

Máis de 40 participantes nunha década
Desde o ano 2006, participaron no programa Vacacións en Paz 42 traballadoras e traballadores das administracións provinciais e locais socias do Fondo. A técnica de Turismo do Concello de Ames, Sonia Moure, participou no programa no 2006, no arquipélago de Cabo Verde. Alí, xunto co técnico do mesmo departamento do Concello de Ourense, apoiou o impulso do turismo comunitario da man da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos; tarefa que a levou a visitar varias das illas. 


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925