Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Javier Busto e Lara...


Javier Busto e Lara Lois gañaron a última proba do circuíto Transgalaica disputada en Ames

[16-04-2018] A cuarta e última proba do circuíto Transgalaica 2018 celebrouse este domingo, 15 de abril, no concello de Ames. A proba, que tivo tanto a saída como a meta diante do Pazo da Peregrina, contou con máis de 350 participantes. Na categoría masculina de máster 30 gañou Javier Busto do Extol-La Gramola Team, mentres que na categoría feminina elite a campioa foi Lara Lois, pertencente ao mesmo equipo. Esta proba, que contou coa colaboración do Concello de Ames, íase realizar o pasado 11 de marzo, pero tivo que aprazarse debido a unhas condicións meteorolóxicas adversas. As imaxes que se poden atopar nesta nova pertencen ao club de ciclismo Esfola Arrós.


O Club de ciclismo amesán os Esfola Arrós, en colaboración co Concello de Ames, organizou por terceiro ano consecutivo unha proba da Transgalaica. Esta proba, que pertence á modalidade de ciclismo de montaña XC-maratón, discorreu por un circuíto de 33 quilómetros. Deste xeito, partindo do Pazo da Peregrina en Bertamiráns, as persoas participantes percorreron os lugares de Covas, Ventosa e o monte San Marcos, pasando ao carón do rego de Riamonte e subindo ata o alto de Liñaredo, desde onde continuaron pola praia fluvial de Tapia e pola estrada que vai de Seares de Arriba a Lens, discorrendo pola baixada de Pegariños, Caroubáns, ata chegar de novo ao Pazo da Peregrina. Nesta última proba do circuíto Transgalaica 2018 participaron máis de 350 ciclistas.

Na categoría masculina de máster 30 gañou Javier Busto do Extol-La Gramola Team, mentres que na segunda posición quedou Alejandro Paleo do club Gráficas Lar PC. O terceiro posto foi acadado por Manuel Casuso do club ciclista Master Galaico CD. Na categoría feminina elite a campioa foi Lara Lois do club de ciclismo Extol-La Gramola Team. Na segunda posición quedou Alba Barrau do Valle de Benasque AC, mentres que na terceira ficou María José Gómez do Cambre CC. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o resto de resultados desta proba.

A primeira proba do circuíto Transgalaica 2018 celebrouse o pasado 25 de febreiro no concello de Cercedo-Cotobade. A segunda proba, pola súa banda, tivo lugar en Vigo o 25 de marzo, no entanto que a terceira desenvolveuse na Estrada o 8 de abril. A proba de Ames estaba organizada, nun primeiro momento, para o 11 de marzo. Porén, as condicións meteorolóxicas previstas para aquela data, provocaron que a proba se adiase ata este domingo, tornándoa a última do circuíto en ser celebrada. 


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925