Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Os Concellos de Ames,...


Os Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago organizan a realización dunha saída da Ruta Rosaliana para o sábado 5 de maio

[16-04-2018] O sábado, 5 de maio, está prevista a realización dunha visita aos lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro. A visita seguirá o itinerario deseñado polo intelectual Avelino Abuín de Tembra, que foi recuperado recentemente polos Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago dentro do proxecto común “As Pegadas de Rosalía”. A actividade incluirá, desta maneira, visitas a lugares tais como o Panteón de Galegos Ilustres, a parroquia de San Xoán de Ortoño, a Igrexa de Bastavales ou a Casa Museo Rosalía de Castro. Para participar nesta Ruta Rosaliana, será preciso inscribirse a través do número de teléfono 981 883 002, marcando a extensión 2012, ou mediante o enderezo de correo electrónico turismo@concellodeames.gal. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 27 de abril. A iniciativa, que é de balde, contará con servizo de autobús desde O Milladoiro e Bertamiráns.

A nova actividade, encadrada dentro do proxecto “As Pegadas de Rosalía”, desenvolverase ao longo do sábado, 5 de maio, entre as 09:15h e as 19:00 horas. A actividade, que está organizada conxuntamente polos Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago, consistirá nunha visita guiada aos lugares máis emblemáticos do legado rosaliano.

Deste xeito, ao longo do sábado, as persoas participantes nesta Ruta Rosaliana terán a oportunidade de visitar aqueles lugares da nosa contorna, que marcaron a obra e a vida desta autora. A ruta, que terá un deseño circular, comezará no Concello de Santiago, onde se realizará unha visita ao Panteón de Galegos Ilustres, onde se atopan os restos de Rosalía, así como á Praza de Vigo, onde a autora residiu durante algún un tempo.

A seguinte das paradas terá lugar no Concello de Ames, no lugar de San Xoán de Ortoño, onde Rosalía pasou a súa primeira infancia e onde tomou conciencia das dificultades da vida no rural galego. A seguinte das visitas recalará na Igrexa de Bastavales, cuxas campás protagonizaron un dos versos máis afamados da autora. A Igrexa atópase no Concello de Brión.

Ao mediodía, producirase unha parada en Padrón, para que as persoas participantes teñan tempo para comer e descansar un pouco. A comida non está incluída. Ao longo da tarde, a actividade proseguirá coas visitas aos lugares rosalianos de Padrón e á Casa Museo de Rosalía de Castro. Por último, a xornada finalizará cun concerto na Colexiata de Iria Flavia, que finalizará por volta das 19:00 horas.

A actividade inclúe, alén da entrada aos diferentes espazos, unha serie de explicacións teatralizadas que achegarán á autora ás persoas participantes. Así mesmo, a Ruta Rosaliana tamén ofrece seguro e servizo de autobús. Desta forma, o 5 de maio, as saídas produciranse ás 09:15h desde a Casa da Cultura do Milladoiro e ás 09:30h desde o local da Policía Local de Bertamiráns.

Tramitación das inscricións
Para participar, será preciso inscribirse a través do número de teléfono 981 883 002, marcando a extensión 2012, ou mediante o enderezo de correo electrónico turismo@concellodeames.gal. O prazo de inscrición pechará o vindeiro 27 de abril. As prazas serán adxudicadas por orde de data das solicitudes, tendo preferencia aquelas persoas censadas no Concello. A actividade é de balde.

As pegadas de Rosalía
A nova ruta cultural denominada “As pegadas de Rosalía” é un proxecto común dos Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago de Compostela, que recuperaron a ruta deseñada polo intelectual dodrense Avelino Abuín de Tembra. A iniciativa, cuxo obxectivo é achegar a vida de Rosalía de Castro a toda a poboación, está concibida para ser percorrida en coche ou en autobús, porén está previsto o deseño de itinerarios para que o roteiro poida ser realizado en bicicleta ou mesmo a pé. A iniciativa “As pegadas de Rosalía” foi presentada en xaneiro na Feira Internacional de Turismo (Fitur).  


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925