Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O proxecto...


O proxecto Youtubeir@s dará a coñecer os/as gañadores/as dos seus premios durante a gala desta noite no Teatro Colón da Coruña

[20-04-2018] O Teatro Colón da Coruña acollerá hoxe, 20 de abril, ás 20:00 horas, a gala de entrega dos galardóns do proxecto Youtubeir@s. As entradas son gratuítas e pódense retirar a través da web do teatro ou no seu despacho de billetes o propio día do evento. Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove, as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña. Na entrega de galardóns, en representación do Concello de Ames, estará a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter os traballos finalistas divididos por categorías.

O proxecto Youtubeir@s dará a coñecer este venres, 20 de abril, os/as gañadores/as dos seus premios durante a gala de entrega que presentará a compañía teatral A Panadaría no Teatro Colón da Coruña a partir das 20:00 horas. Un total de 25 finalistas aspiran a estes galardóns, organizados polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e o Grove, as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña.

En total, os/as vencedores/as recibirán 5.500 euros repartidos nas categorías de vídeo-facermos, vídeo-opinarmos ou canle, dotadas con 1.000 € cada unha. Tamén se entregarán catro premios máis valorados en 500 € cada un e que recoñecerán a creatividade, a eficiencia comunicativa, a calidade técnica e a calidade lingüística dos vídeos presentados. Darase a coñecer tamén na gala o premio do público que xorde dos vídeos propostos polas persoas usuarias de Youtube.

As entradas á gala son gratuítas e pódense retirar a través d web do teatro nesta ligazón ou no seu despacho de billetes o propio día do evento. As portas do Colón abrirán ás 19:30 horas e haberá un photocall para todos/as os/as asistentes. Ademais, a gala será retransmitida a través da canle de Youtubeir@s en Youtube.

Gala con humor e música
A Panadaría, compañía teatral conformada polas actrices Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, prometen unha gala de Premios Youtubeir@s que xirará ao redor da xeración millennial e os contidos que se crean na actualidade na rede. A compañía ofrecerá así unha gala en que se mesturará o humor, a música e o protagonismo das participantes para celebrar os contidos en galego que están a agromar na rede a través de Youtubeir@s.

Durante a gala estarán representadas a práctica totalidade das institucións organizadoras do Proxecto Youtubeir@s, iniciativa que lle dá visibilidade ao uso do galego a través de Youtube ao tempo que fomenta a creatividade con temas propios e xera referentes na nosa lingua dun novo axente con grande repercusión social no mundo dixital como son os/as youtubeiros/as.

Así, na entrega de galardóns, en representación do Concello de Ames, estará a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero. Asemade, acudirán os alcaldes da Baña, José Andrés García Cardeso; de Carballo, Evencio Ferreiro; de Santiago de Compostela, Martiño Noriega; e do Grove, José Antonio Cacabelos Rico, así como o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña Piai. Carlos Aymerich representará a Universidade da Coruña, Manuel Núñez Singala fará o propio pola Universidade de Santiago, e Paulo Cabral Pedreira e Cristina Rodríguez Ricart chegarán dende a Universidade de Vigo. Por último, Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, representará o organismo provincial e Mónica Fernández Valencia, coordinadora do Proxecto Youtubeir@s, dirixirase ao público en nome da organización.

230 vídeos e canles e 5.500€ en premios
Nesta segunda edición, rexistráronse un total de 230 inscricións entre vídeos e canles participantes nas categorías de vídeo-facermos, vídeo-opinarmos ou canle, dotadas con 1.000€ cada unha. Tamén se entregarán catro premios máis valorados en 500€ cada un e que recoñecerán a creatividade, a eficiencia comunicativa, a calidade técnica e a calidade lingüística dos vídeos presentados. Darase a coñecer tamén na gala o premio do público que xorde dos vídeos propostos polas persoas usuarias de YouTube. Nesta edición, a categoría que maior interese concentrou entre os concorrentes foi a de vídeo-facermos, na que compiten un total de 116 propostas, o cal representa o 50% dos vídeos a concurso. Mentres, a categoría de vídeo-opinarmos aglutina o 38%, ao constar con 88 participantes.

Dende o punto de vista temático, os datos amosan que nesta edición ten unha gran relevancia a igualdade de xénero, asunto social que centra unha parte considerable dos vídeos achegados. Tamén destacan as propostas de carácter didáctico. Consolidouse así unha vía que entende o YouTube en galego coma unha ferramenta educativa completamente válida. Cómpre tamén sinalar a participación de distintos centros de ensino do país. Finalmente, na categoría de vídeo-facermos continúan a estar moi presentes as receitas de cociña e os vídeos de horta.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925