Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A asociación...


A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organiza este domingo, 13 de maio, unha andaina solidaria pola ruta do Rego da Andoriña

[11-05-2018] A ruta do Rego da Andoriña é o recorrido escollido para a realización da andaina solidaria, organizada polo asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), para este domingo 13 de maio. A camiñada terá un prezo simbólico: 5 euros para as persoas e 1 euros para os cans. O diñeiro recadado irá destinado ao pagamento dos billetes das nenas e nenos saharauís que cada verán veñen a Galicia, a través do programa Vacacións en Paz. Para asistir ou para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 646 320 660 ou enviar un correo electrónico ao enderezo eybarra.sogaps@gmail.com. A andaina partirá ás 10:30 horas da praia fluvial de Tapia. A actividade conta coa colaboración do Concello de Ames.

Este domingo, 13 de maio, terá lugar unha andaina solidaria que percorrerá a ruta do Rego da Andoriña. Organizada pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a camiñada ten como obxectivo obter fondos para o financiamento dos billetes de avión das nenas e nenos saharauís, que cada verán veñen a Galicia dentro do programa Vacacións en Paz. Desta maneira, a andina terá un prezo simbólico de 5 euros para as persoas e de 1 euro para os cans.

A ruta partirá ás 10:30 horas da praia fluvial de Tapia, onde se poderá ver o muíño da Insua, que está restaurado e que aparece recollido no Catastro do Marqués da Ensenada de 1.750. A seguir, a ruta continuará por unha senda á beira do río Tambre ata que esta se atope cunha estrada, que conducirá ás persoas camiñantes ata a Ermida da Nosa Señora da Magdalena. Seguindo un antigo carreiro, as persoas camiñantes chegarán ás ribeiras do rego da Andoriña.

Ao longo da ruta, as persoas participantes tamén pasarán ao carón das murallas do castro de Piñeiro e da capela do priorado de San Mamede. Desde este punto, as e os camiñantes chegarán a unha pequena fraga, a devesa de Sequeiros, onde poderán ver unha mostra do bosque atlántico. Unha vez abandonado o bosque, as persoas participantes poderanse achegar ata unha pequena fervenza no canal Carreiro. Finalmente, antes de volver ao punto de partida, a ruta pasará pola ponte Portochán.

A inscrición na andaina pódese facer a través do número de teléfono 646 320 660 ou do enderezo de correo electrónico eybarra.sogaps@gmail.com. A actividade conta coa colaboración do Concello de Ames. Ata este momento hai 36 persoas inscritas e 10 cans. As inscricións poden realizarse ata este venres, 11 de maio, debido a que é necesario dispor dunha previsión de participantes para dispor do avituallamento sólido e líquido necesario. Aínda así, se alguén quere apuntarse mañá sábado pode facelo poñéndose en contacto coa organización.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925