Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Hoxe, ás...


Hoxe, ás 20:00h, impártese unha conferencia sobre o novo regulamento europeo de protección de datos na Casa da Cultura do Milladoiro

[15-05-2018] O Concello de Ames e maila organización Acción contra a Fame están impartindo unha serie de talleres formativos e conferencias que se enmarcan dentro do programa Vives Emprende, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Deste xeito, hoxe, 15 de maio, vaise impartir, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, unha conferencia informativa sobre o novo regulamento europeo de protección de datos, que está dirixida a empresarios e autónomos. Ademais, mañá, 16 de maio, impártese un taller formativo sobre o plan de marketing e comercialización.

Hoxe, 15 de maio, vaise organizar unha conferencia informativa sobre o novo regulamento europeo de protección de datos no que se falará das principais novidades do regulamento e de como adaptarse ao novo regulamento. O 25 de maio de 2016 entrou en vigor o Regulamento Xeral de Protección de Datos que substituirá á actual normativa vixente e que comezará a aplicarse o 25 de maio de 2018. Esta actividade, será impartida por Cristina Castro, do Colexio de Avogados da Coruña, en horario de tarde, de 20:00 a 22:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Está dirixida a empresarios e autónomos.

Ademais, mañá, 16 de maio, continuarase co plan de marketing e comercialización. Neste caso para coñecer os aspectos e variables básicas do marketing e a súa aplicación a un proxecto empresarial. Os participantes poderán obter un primeiro borrador resumen do plan de marketing. O 22 de maio tratarse de coñecer as competencias emprendedoras a través dunha ferramenta de gamificación. Para o 24 de maio está previsto o taller denominado a miña empresa na Internet: RRSS e comercio electrónico, onde se aprenderá a comunicar e vender un determinado produto/servizo a través da rede, redes sociais, páxinas web e o seu posicionamento.

O 29 de maio abordarase o estudo de viabilidade: plan económico. Os participantes neste taller farán unha análise económica e financeira do seu proxecto. Tamén se falará da presentación de informes, estudo de liquidez e alternativas de financiamento. Por último, o 31 de maio tratarse o traballo en equipo e maila comunicación (adestramento da capacidade de relación, a comunicación e o traballo en equipo. Tratarase de facerlles ver aos participantes a importancia da escoita activa, da comunicación non verbal e da asertividade).

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destaca “a aposta que se está a facer polas empresas de Ames e os emprendedores do noso concello, na que a formación e as actividades desempeñan un papel importante e se suma á rolda de visitas que se están a facer nas últimas semanas”.

Estes talleres serán impartidos pola técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, e profesionais especialistas en cada tema, nas oficinas municipais situadas na rúa Viorneira, número 6, en horario de mañá, de 09:30 a 13:30 horas. As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.

Programa Vives Emprende
Estas conferencias e talleres formativos enmárcanse dentro do Vives Emprende, un programa gratuíto que ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento ás persoas desempregadas ou con emprego precario de Ames, que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira.

O Fondo Social Europeo, a través do POISES 2014-2020, e a Xunta de Galicia a través subvencións destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, financian este proxecto, para o que o Concello cede os espazos que o albergarán. Vives Emprende dota ás persoas emprendedoras de todas as ferramentas que necesitan para poñer en marcha a súa idea de negocio e acompáñalles durante todo o proceso emprendedor.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925