Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames acollerá...


Ames acollerá a terceira edición do Depor Campus do 9 ao 13 de xullo

[15-05-2018] Esta mañá presentouse a terceira edición do Dépor Campus de fútbol de Bertamiráns. A presentación, que tivo lugar no Pazo da Peregrina, correu a cargo do alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, o director dos Depor Campus, Pablo Barros, o secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas, e o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño. O Dépor Campus, que está dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos, desenvolveranse entre os días 9 e 13 de xullo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. As inscricións poderanse realizar ata o 5 de xullo.

Por terceiro ano consecutivo Ames acolle o Depor Campus que organiza o RC Deportivo da Coruña en colaboración co Concello de Ames e o Bertamiráns FC. O Depor Campus terá lugar entre os días 9 e 13 de xullo, en horario de 10:00 a 14:00 horas, no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. No Depor Campus poden inscribirse nenas e nenos de entre 6 e 14 anos, tanto do Bertamiráns FC como xogadores e xogadoras doutros clubs. Os técnicos do Real Club Deportivo da Coruña conducirán todas as sesións e aos rapaces e rapazas participantes entregaráselles un equipamento consistente nun pantalón, unha camiseta e unhas medias.

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou “a importancia que teñen estes campus para que os rapaces e rapazas que non practican deporte comecen a facelo de xeito máis habitual, aínda que aquí no concello quedan xa poucos nenos e nenas que non estean xogando ao fútbol nalgún dos clubs existentes”. Miñones tamén incidiu na importancia de que “grandes clubs como o RC Deportivo organicen este tipo de actividades porque conta con grandes profesionais”. Por último, o alcalde animou ao director dos Depor Campus a introducir dentro desta actividade unha visita ás instalación do club coruñés, así como ao Estadio de Riazor porque é algo que lle fai ilusión aos rapaces e rapazas.

Os obxectivos dos técnicos deportivistas pasan por desenvolver habilidades e conceptos na relación co ou coa opoñente, así como na relación co propio compañeiro ou compañeira. Os e as porteiras adestrarán tamén este tipo de habilidades de xeito especializado. Non se descoidará a educación en hábitos saudables, incidindo na importancia da alimentación dos e das deportistas. Xogaranse partidos, traballaranse situacións básicas de aprendizaxe, rondos básicos e xogos de posición. Ademais, o RC Deportivo quere continuar a labor de transmisión de valores como o respecto, a amizade e a solidariedade, que o propio Bertamiráns FC e outros clubs de base transmiten aos seus xogadores e xogadoras no día a día.

O director dos Depor Campus, Pablo Barros, explicou a metodoloxía que se segue no Depor Campus “no que se aposta pola aprendizaxe pero baseada na diversión. Deste xeito, este ano introduciranse actividades lúdicas de piscina. Traballarase cos participantes en grupos reducidos para que melloren diferentes aspectos técnicos e tácticos. Ademais traballarán diversos conceptos individuais e de equipo. Outra das novidades é que dous ou tres rapaces ou rapazas terán a oportunidade de adestrar coas categorías inferiores do RC Deportivo”.

Por último, o secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas, dixo que “dentro do convenio que ten subscrito o Bertamiráns FC co RC Deportivo da Coruña enmárcase a organización desta terceira edición do Depor Campus que se desenvolverá durante a segunda semana de xullo. Agora a nosa función será colaborar nos aspectos loxísticos e promocionar esta actividade entre os rapaces e rapaza de Bertamiráns e da comarca para que sexa un éxito de participación”.

Trámites de matrícula
Para inscribirse no Depor Campus de Bertamiráns é preciso entrar en http://deporcampus.rcdeportivo.es/. Premendo nesta ligazón xa accedes directamente á paxina web onde se tramitan as inscricións para o campus que se vai a realizar en Bertamiráns. O custe do campus é de 120 euros (tarifa xeral) e 100 euros con desconto. As persoas con desconto son aquelas socias ou accionistas do R.C. Deportivo, xogadores ou xogadoras do Bertamiráns FC e do RC Deportivo, familias con máis dun membro en paro, familias numerosas ou familias que inscriban a máis dun fillo ou filla. Neste último aplicaráselle o desconto a cada unha das persoas participantes.

O prezo da matrícula inclúe, ademais do equipamento (camiseta, pantalón e medias), un seguro de accidentes deportivos, almorzo (auga e froita), un diploma e o sorteo de agasallos. Aquelas persoas que queiran obter máis información ou teñan algunha dúbida pódena resolver escribindo ao enderezo deporcampus@rcdeportivo.es, nas páxinas web www.rcdeportivo.es - www.bertamiransfc.com ou chamando ao teléfono 981 25 95 00.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925