Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Casa da Cultura de...


A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o 26 de maio a segunda xornada formativa sobre inclusión socioeducativa e transtorno do espectro autista

[16-05-2018] A segunda xornada formativa sobre inclusión socioeducativa e transtorno do espectro autista terá lugar o vindeiro 26 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Dirixida a todos os públicos, a xornada abordará os recursos e estratexias de intervención acaídas para a creación de espazos inclusivos para as persoas con algún transtorno do espectro autista. As inscricións pódense formalizar, ata o 23 de maio, a través da páxina web www.culturizatea.es ou do enderezo de correo electrónico xornadatea@gmail.com.

Após a boa recepción acadada na primeira xornada formativa celebrada en Ames, esta segunda edición pretende afondar nos recursos e nas estratexias de intervención socioeducativa precisas á hora de crear espazos inclusivos para as persoas con algún transtorno do espectro autista (TEA). Desta maneira, a xornada busca achegarse ao transtorno desde unha perspectiva multidisciplinar, holística e diversificada.

A sensibilización acerca da importancia da inclusión das persoas con TEA ou a visibilización dos diferentes colectivos que traballan con elas son algúns dos obxectivos desta xornada. Así mesmo, tamén se atopan entre os seus propósitos a divulgación de materiais e estratexias que favorezan a inclusión das persoas con autismo, así como a creación dun espazo de intercambio de información sobre estratexias e recursos para a inserción na sociedade das persoas con TEA.

Nesta xornada, que organiza a Concellaría de Educación e Cultura, colaboran a Deputación da Coruña, a Universidades de Santiago, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, a Nova Escola Galega, a Federación Autismo Galicia, o Grupo de Investigación Stellae, a Rede de Investigación en Educación e Formación para a Cidadanía e a Sociedade do Coñecemento, a Asociación de Auxiliares Técnicos Educativos (ASATE), a Asociación de Pais de Persoas con Transtorno do Espectro Autista de Centros de Apoio Familiar (APACAF), ENKI, Pictoaplicaciones e Taller Abierto.

A xornada desenvolverase o vindeiro 26 de maio na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para asistir será preciso inscribirse a través da páxina web www.culturizatea.es ou do enderezo de correo electrónico xornadatea@gmail.com. O prazo de inscrición remata o 23 de maio. A participación será aberta e gratuíta a todos os públicos.

Programa de mañá da xornada
A xornada comezará ás 09:15 horas coa recepción e a entrega de material ás persoas participantes. Ás 09:45h terá lugar a inauguración da man do concelleiro de Educación e Cultura de Ames, David Santomil; da deputada de Benestar Social, Educación e Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco; do investigador predoutoral da Universidade de Santiago e coordinador da xornada, Marcos Pinaque; do profesor da mesma universidade, Xesús Rodríguez; e da profesora da Universidade da Coruña, Montse Castro.

Ás 10:15 horas desenvolverase a primeira intervención, que adoptará a forma dunha entrevista. A protagonista desta primeira sesión, que se presenta baixo o nome “A miña experiencia”, será Paula Sánchez Barral. De seguido, ás 10:50 horas, abordarase o papel asociativo na colaboración de medidas de apoio ao alumnado con TEA. A psicóloga da Federación Autismo Galicia, Cristina Couto, será a poñente desta segunda sesión.

Entre as 11:45h e as 12:15 horas haberá un pequeno descanso para o café. A última das intervencións da mañá correrá a cargo de África Martínez, de Taller Abierto. Nela falarase da arte como un medio para a inclusión.

Programa de tarde da xornada
A programación da tarde comezará ás 16:00 horas coa Mesa de Propostas e Experiencias de Inclusión Socioeducativa. Nesta mesa participarán o coordinador de Emprego con Apoio de APACAF, Antonio Fariña Rey, que falará deste proxecto; a terapeuta ocupacional e autora do Traballo de Fin de Grao Fomentando a ocupación a través das Escolas Deportivas Inclusivas vinculadas ao clube ENKI, Iria Romero, que abordará o deporte como un medio inclusivo; a mediadora comunicativa, mestra de primaria e intérprete de lingua de signos, María Elvira Piñeiro Paz, que conversará acerca da figura da mediadora comunicativa; e dunha membro da asociación ASATE, que falará sobre a importancia da auxiliar técnica educativa.

A partir das 18:00 horas desenvolveranse simultaneamente catro talleres e seminarios que abordarán, respectivamente, as pictoaplicacións, a adaptación de materiais curriculares, a sensibilización e intervención na aula e un taller de familias. Ás 19:45 horas producirase o acto de clausura, que porá punto e final á xornada.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925