Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Pazo da Peregrina...


O Pazo da Peregrina acollerá o 9 de xuño o primeiro Encontro de jazz de Ames

[24-05-2018] Esta mañá presentouse no Pazo da Peregrina a primeira edición do Encontro de jazz do Concello de Ames. Trátase dunha nova iniciativa cultural que se desenvolverá nos exteriores do Pazo da Peregrina o próximo sábado, 9 de xuño, e na que actuarán os grupos locais, pero de sona internacional, Sumrrá e Pablo Castaño Quartet. A presentación desta iniciativa correu a cargo do concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, así como de Pablo Castaño, membro do grupo Pablo Castaño Quartet, e de Xacobe Martínez, integrante do grupo Sumrrá.

O vindeiro sábado, 9 de xuño, os exteriores do Pazo da Peregrina acolleran unha novidosa actividade que pon en marcha a Concellaría de Educación e Cultura. Trátase do primeiro encontro de Jazz no que actuarán os grupos Pablo Castaño Quartet e Sumrrá. O obxectivo do Concello de Ames é ir consolidando e fortalecendo este evento, así como ampliar a organización de outras actividades relacionadas co jazz, para tratar de poñer en valor esta disciplina musical, tendo en conta a calidade artística que existe en Ames a nivel musical.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou que “é a primeira edición dun Encontro de jazz, que se enmarca dentro do contexto do programa Cultura no Camiño. Polo concello de Ames discorren dous dos principais Camiños de Santiago; o Camiño Portugués e mailo Camiño de Fisterra-Muxía. Xustamente dentro deste programa desenvolvemos este evento que conta cun cartel impresionante, xa que as dúas bandas que van actuar son locais e son referentes a nivel galego, estatal e internacional. Estamos falando duns músicos de máxima calidade e gran recoñecemento internacional, que temos a sorte de que actúen aquí en Ames. Agardo que sexa un éxito e que moitas familias poidan gozar dun serán de jazz, que é unha disciplina que ata o de agora non se explorara dende o Concello”.

Xacobe Martínez, integrante do grupo Sumrrá, explicou que “sempre que nace unha nova iniciativa deste tipo para poder achegar a nosa música ao público é fantástico. Nós, ademais, que somos veciños de Ames fainos especial ilusión actuar aquí. Ao mesmo tempo é unha responsabilidade para nós porque é o primeiro Encontro de jazz que se fai en Ames, pero estamos encantados de que dende o Concello entenderan que é necesario un evento deste tipo. Creo que vai ser unha noite máxica no Pazo da Peregrina porque ten un recollemento ideal e unha acústica moi boa. Danse todas as circunstancias para que sexa unha gran noite de jazz”.

Sumrrá é un trío de Jazz galego, formado en 2000 por Manuel Gutiérrez ao piano, Xacobe Martínez Antelo ao contrabaixo, e LAR Legido á batería. En 2014 recibiu o Premio Martín Códax da Música na categoría de jazz / músicas improvisadas. No concerto que ofrecerán Ames presentarán o seu último disco e segundo dixo o propio Xacobe Martínez “é unha boa oportunidade para escoitar a música que nós facemos”.

Por outra banda, Pablo Castaño, membro do grupo Pablo Castaño Quartet, incidiu en que “Ames ten un gran potencial a nivel musical. Aquí no noso concello hai unha gran cantidade de músicos. Este evento servirá para que a veciñanza se achegue ao jazz e a músicos locais que viven neste concello. Estou dobremente contento por tocar en Ames e porque estou presentando o meu primeiro CD e vou poder facelo aquí. A presentación será o día 2 de xuño no Teatro Colón, na Coruña, e de seguido xa chegaremos a Ames para presentalo aquí tamén. Vai ser unha noite máxica xa que o Pazo da Peregrina vai a estar especialmente iluminado para este Encontro de jazz que seguramente será un éxito”. O cuarteto de Pablo Castaño está composto por saxofón, piano, contrabaixo e batería.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925