Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Clausúranse as...


Clausúranse as Escolas Culturais 2017-2018 nas que participaron 147 usuarios/as

[25-05-2018] Ao longo da próxima semana clausúranse as Escolas Culturais de Teatro, Artes Plásticas e Baile. Deste xeito, do 28 de maio ao 1 de xuño realizarase unha exposición dos traballos da Escola de Artes Plásticas (manualidades e arte miúda) na Casa da Cultura do Milladoiro. A Escola de Baile rematará a súa actividade o día 28 no Milladoiro e o día 30 en Bertamiráns. A actividade de teatro infantil e xogo dramático remata a súa actividade o martes 29 en Bertamiráns e o mércores 30 no Milladoiro, mentres que o grupo municipal de teatro de Ames estrea o venres, 1 de xuño, a obra “O velorio de Xan Outeiro”. Do 4 ao 8 de xuño ábrese o prazo de renovación de praza, para aquelas persoas que xa participaron nalgunha das Escolas Culturais durante o curso 2017/18, e un primeiro prazo de inscrición aberto á veciñanza en xeral.

O curso 2017/2018 chega ao seu fin nas Escolas Culturais municipais de Teatro, Artes Plásticas e Baile. Ao longo da próxima semana realizaranse diferentes actividades para dar conta do traballo feito en ditas Escolas. Así, do 28 de maio ao 1 de xuño realizarase unha exposición dos traballos da Escola de Artes Plásticas (manualidades e arte miúda) na Casa da Cultura do Milladoiro. Os traballos poderanse ver en horario de 9:00h a 14:00 horas e de 16:30h a 22:00 horas. Na Escola de Artes Plásticas participaron un total de 46 persoas (19 en manualidades e 27 en arte miúda).

Tamén rematan as actividades da Escola de Baile, que tivo un total de 31 usuarios/as. As actividades desta Escola rematan o luns 28 no Milladoiro e o mércores 30 en Bertamiráns. As/os participantes nesta actividade coñeceron as diferentes músicas e aprenderon a bailar diferentes ritmos, salsa cubana, ritmos latinos, danza moderna e baile de salón entre outros, ata desenvolverse de forma correcta nunha pista de baile. As clases constaron dunha parte teórica e doutra práctica. Esta Escola está dirixida a maiores de 16 anos.

Escola de Teatro
Por outra banda, na Escola de Teatro participaron un total de 70 persoas, entre nenos/as e adultos. A Escola de Teatro dispón de actividades de Teatro infantil e xogo dramático, para dous grupos diferentes de idades (nenos/as de 3 a 6 anos e rapaces e rapazas de 7 a 11 anos). Tamén existe un grupo para o grupo municipal e teatro. Nos grupos de teatro infantil e xogo dramático, nos que participaron 58 nenos/as (29 en cada grupo), rematan as actividades o martes 29 en Bertamiráns e o mércores 30 no Milladoiro. Estes días terá lugar unha sesión aberta para pais e nais e público en xeral, onde os e as participantes amosarán, de maneira informal, exercicios realizados ao longo do curso.

Asemade, o grupo municipal de teatro de Ames estrea o venres, 1 de xuño, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 21:00 horas, a obra “O velorio de Xan Outeiro”. A entrada será de balde. As persoas interesadas en acudir a dita función terán que adquirir o convite na Billeiteira electrónica municipal https://abilleteira.concellodeames.gal/gl. A dirección da obra corre a cargo de María Ordoñez, mentres que o elenco artístico deste espectáculo está formado por Carlos Labraña, Moemí Graña, Paz Romai, Emilia Mayo, Pablo Núñez, Dante Bussolari, Pilara Gómez, Carmela Pardal, Eva García e Patricia López. Inscricións para o curso 2018/19
Do 4 ao 8 de xuño ábrese o prazo de renovación de praza, para aquelas persoas que xa participaron nalgunha das Escolas Culturais durante o curso 2017/18, e un primeiro prazo de inscrición aberto á veciñanza en xeral. Poderase realizar a inscrición de xeito telemático (todas aquelas persoas inscritas no curso pasado) entrando na web municipal www.concellodeames.gal. Unha vez formalizada a matrícula na web terán que solicitar a folla de autoliquidación no correo cultura@concellodeames.gal, para ir a pagar ao banco ata o día 8 de xuño, ás 14:00 horas.

Tamén se poderá realizar a inscrición de forma presencial na Casa da Cultura do Milladoiro e no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Unha vez formalizada a matrícula, entregaráselle a folla de autoliquidación para ir a pagar ao banco. Neste prazo de inscrición é requisito imprescindible estar empadroado no concello de Ames. Unha vez rematado este prazo se quedan prazas libres poderán optar os non empadroados.

Como novidade, para o curso 2018/19, increméntanse un grupo de baile de salón, de nivel avanzado no Milladoiro, e dous grupos de arte miúda para idades comprendidas entre os 7 e 9 anos, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro.

Posteriormente, do 10 ao 14 de setembro abrirase un segundo prazo de inscrición para novas inscricións nos grupos que queden prazas libres. Para formar grupo será necesario que se cubran a metade máis unha do máximo de prazas ofertadas. As clases comezarán na semana do luns 1 de outubro e rematarán o 31 de maio de 2019, segundo corresponda. O Concello de Ames poderá facer as modificacións horarias que estime oportunas por necesidades de programación do Concello.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925