Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O ex-xogador de...


O ex-xogador de baloncesto croata Aleksander Petrovic pasará o xoves por Ames antes de finalizar no Obradoiro o Camiño Portugués

[29-05-2018] A cuarta edición do proxecto “El camino acaba en Obradoiro” está a ser protagonizada polo ex-xogador de baloncesto croata Aleksander Petrovic. O proxecto, que ten como obxectivo fomentar as diferentes rutas xacobeas existentes en Galicia, está organizado polo Obradoiro CAB. A iniciativa tamén busca recadar fondos para o financiamento de diversas asociacións sen ánimo de lucro e para a creación da “Bolsa solidaria do protagonista”, que se destinará á integración de mozos nas categorías bases do club de baloncesto compostelán. Aleksander Petrovic chegará a Ames este xoves, onde realizará unha parada final no Milladoiro antes de chegar á Praza do Obradoiro. En Ames, o ex-xogador croata será recibido polo alcalde, José Miñones, a concelleira de Turismo, Isabel González, e por outros membros da corporacion municipal. As novidades sobre o día a día desta iniciativa pódense seguir a través da páxina web www.elcaminoacabaenobradoiro.com.


O pasado domingo, 27 de maio, o ex-xogador de baloncesto croata Aleksander Petrovic partiu da localidade portuguesa de Valença do Minho, dando comezo á primeira das seis etapas que conforman o Camiño Portugués desde Tui ata Santiago de Compostela. Ao longo deste martes, o ex-xogador completará a etapa que vai desde Pontevedra ata Caldas de Reis. O mércores Petrovic chegará a Padrón e o xoves, finalmente, a Compostela. Porén, antes do remate do camiño, o ex-xogador realizará unha pequena parada en Ames, onde será recibido no Milladoiro polo alcalde, José Miñones, pola concelleira de Turismo, Isabel González, e por outros membros da corporación municipal. O Camiño Portugués é a segunda ruta xacobea máis transitada, con máis de 15.900 peregrino no que vai de ano.

O ex-baloncestista é o protagonista da cuarta edición da iniciativa “El camino acaba en Obradoiro”: un proxecto internacional auspiciado polo Obradoiro CAB co obxectivo de promover as diferentes rutas do Camiño de Santiago que existen en Galicia. Nas edicións anteriores, os protagonistas foron os ex-deportistas de elite Terry Porter, Juan Antonio Corbalán e Nikos Galis, que nalgunhas etapas estiveron acompañados por outras persoas de grande impacto mediático como Pau Gasol, Ricky Rubio, Fernando Romay ou Quique Villalobos. Os fondos recadados con esta iniciativa son destinados a diversas asociacións sen ánimo de lucro e á creación, a través da Fundación Heracles, da “Bolsa solidaria do protagonista” que se destinará á integración de mozos nas categorías base do Obradoiro.

Estas bolsas de formación, estudo e deportivas buscan, polo tanto, que diferentes mozos procedentes de diversas realidades sociais e con potencial para a práctica do baloncesto poidan beneficiarse dunha educación deportiva e persoal. A “Bolsa Petrovic”, que é como se nomeará á deste ano”, permitirá desta maneira incorporar ao programa INTEGRADOS360 da canteira do Obradoiro CAV novas promesas do baloncesto. A bolsa, que asume todos os gastos derivados da actividade deportiva así como a estadía dos rapaces que non sexan de Santiago, pretende axudar aos nenos a desenvolver un maior sentido de si mesmos adoptando os valores do proxecto.

Aleksander Petrovic: a estrela da selección iugoslava de baloncesto
O ex-xogador de baloncesto croata Aleksander Petrovic foi un dos máximos responsables dos éxitos da Reprezentacija, a selección iugoslava de baloncesto, e do club Cibona de Zagreb. Saído da canteira do KK Sibenka de Sibenik, unha pequena poboación croata que competiu entre finais dos 70 e comezos dos 80 na potente liga iugoslava, Petrovic foi recrutado en 1979 pola KK Cibona, coa que gañou dúas Copas de Europa e unha Recopa. Aleksander Petrovic é ademais o irmán do xa falecido xogador de baloncesto Drazen Petrovic, a maior lenda baloncestística, considerado por moitos o mellor xogador europeo de todos os tempos. Actualmente, o croata exerce como seleccionador en Brasil.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925