Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames encarga un estudo de análise do perfil socioeconómico e laboral das familias usuarias dos comedores escolares municipais

[30-05-2018] A Concellaría de Educación acaba de encargar un estudo para analizar o perfil socioeconómico e laboral das familias usuarias dos comedores escolares municipais, así como para coñecer a súa valoración deste servizo. O obxectivo é contar con datos que permitan revisar o regulamento dos comedores escolares, dos programa lúdicos e da Escola de Verán de cara aos próximos cursos.

No pleno extraordinario do Consello Escolar Municipal de Ames celebrado o pasado 15 de maio, acordouse elaborar un estudo de perfís socioeconómicos e laborais das familias usuarias dos comedores escolares municipais, co obxectivo de revisar, sobre a base de datos reais e información detallada, o regulamento dos comedores escolares, dos programa lúdicos (Entroido, Primavera, Xuño, Setembro e Nadal), así como da Escola de Verán de cara aos próximos cursos.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou que “o anterior estudo de necesidades de escolarización serviu para a planificación de novos equipamentos educativos. Dende o Concello considérase fundamental coñecer o perfil socioeconómico e familiar de necesidades dos/as usuarios/as dos comedores escolares para reflexionar sobre o modelo de xestión e para modificar o regulamento do servizo”.

Cómpre lembrar que dende o ano 2015 adaptouse a ordenanza fiscal dos comedores escolares para regularizar a xestión das bonificacións e axilizar os trámites administrativos e que no Pleno de novembro de 2017 se aprobou a actualización do Regulamento da rede municipal de comedores, que, logo de pasar o período de exposición pública correspondente sen que se presentase alegación ningunha, entrou en vigor o pasado 1 de febreiro.

Tamén cómpre lembrar que dende o ano 2015 se incrementaron máis de 200 prazas (unhas 50 prazas por ano) no conxunto dos 5 comedores escolares municipais (CEIP Agro do Muíño, Barouta e A Maía, CEP de Ventín e EEI Milladoiro).

Este novo estudo analizará o perfil das familias usuarias, tanto as correspondentes á renovación de prazas coma as novas solicitudes; a ocupación laboral dos membros da unidade familiar e os/as usuarios/as censados no concello de Ames. Así mesmo, analizará a valoración do servizo, co obxectivo de seguir mellorando. Para isto realizaranse enquisas aos máis de 1.200 usuarios/as de comedores.

O estudo será realizado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela, que xa elaborou o mapa de necesidades educativas do Concello de Ames. O prazo establecido para a súa elaboración é dun mes.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925