Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Policía...


A Policía Local de Ames organiza unha serie de saídas co alumnado dos centros de ensino amesáns para finalizar o seu ciclo de charlas sobre seguridade viaria

[04-06-2018] Ao longo deste curso 2017-2018, a Policía Local de Ames organizou un conxunto de charlas nos centros de ensino amesáns que estiveron centradas na seguridade viaira. Impartidas pola axente Cristina Ferreira, as charlas foron adaptadas ás diferentes aulas nas que se impartiron. Co curso case rematado, a Policía Local está a pechar a iniciativa coa realización dunha serie de saídas coas alumnas e alumnos, que inclúen desde andainas a rutas en bicicleta.


O alumnado do 5º curso de Infantil do CEIP A Maía foi o encargado de inaugurar as saídas que a Policía Local de Ames está a desenvolver para pechar a súa serie de charlas sobre seguridade viaria. As alumnas e alumnos deste curso realizaron unha andaina desde o colexio ata o núcleo urbano de Bertamiráns, onde puideron pór en práctica o aprendido previamente; relacionándose co tráfico rodado e co resto de transeúntes dun xeito consciente e responsable. A saída finalizou cunha merenda nos xardíns do Pazo da Peregrina. As cativas e cativos de 3º de Primaria do CEIP A Maía tamén realizaron unha saída ata o centro da localidade, co obxectivo de observar o comportamento de condutores e peóns, analizando as actitudes positivas e corrixindo aquelas que eran negativas e incorrectas.

No CEIP de Barouta, as alumnas e alumnos de 4º e 6º de Primaria desenvolveron unha iniciativa semellante en colaboración coa Policía Local de Ames. Desta maneira, as nenas e nenos destes cursos realizaron unha ruta en bicicleta desde o colexio ata a praia fluvial de Tapia. Neste entorno, as cativas e cativos de 4º de Primaria completaron un circuíto ciclista, mentres que o alumnado de 6º participou nunha actividade de piragüismo da man do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre. O alumnado participante nas saídas recibiu unha placa de policía de cartulina co seu nome e a súa fotografía.

Nas próximas semanas, a Policía Local de Ames visitará ás crianzas do CEIP Agro do Muíño para realizar un par de saídas. O alumnado de 5º de Infantil realizará unha pequena andaina polo entorno do colexio. As nenas e nenos de 3º de Primaria, pola súa banda, baixarán ata o núcleo urbano de Bertamiráns. As alumnas e alumnos das escolas unitarias de Covas e Ortoño tamén realizarán cadansúa saída.

Iniciativas educativas da man da Policía Local de Ames Anualmente, a Policía Local de Ames organiza un proxecto educativo que leva aos centros de ensino do concello. A proposta deste ano xirou arredor da seguridade viaria e da redución da contaminación ambiental. No caso do grupo de 3º da ESO do IES de Ames, o tema que se abordou foi o consumo de alcohol e drogas e os seus efectos negativos na seguridade viaria. O proxecto concibiuse como unha actividade complementaria e transversal aos coñecementos dados polo profesorado de cada centro en diferentes materias.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925