Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Remata o proxecto de...


Remata o proxecto de interpretación ambiental do Rego dos Pasos no que participaron medio cento de alumnas e alumnos do IES de Ames

[06-06-2018] Este luns, 4 de xuño, rematou o proxecto educativo de interpretación ambiental do Rego dos Pasos no que participaron medio cento de alumnas e alumnos do IES de Ames. O primeiro bloque incluíu a realización de dúas actividades por parte dunha vintena de rapazas e rapaces de 1º da ESO: a identificación e catalogación da fauna e flora do Rego dos Pasos e o estudo do “estado de saúde” do entorno. Na segunda parte do proxecto, alumnas e alumnos de 1º de Bacharelato do IES de Ames, realizaron un mural sobre a fauna e a flora do Rego dos Pasos. O proxecto estivo coordinado polas Concellarías de Mocidade e de Medio Ambiente do Concello de Ames, así como polas profesoras Renata Otero e Roberto Amarelle do IES de Bertamiráns.

O proxecto de interpretación ambiental do Rego dos Pasos foi unha proposta conxunta das Concellarías de Mocidade e Medio Ambiente do Concello de Ames, posta en marcha en colaboración co profesorado do IES de Ames. O obxectivo desta iniciativa foi involucrar desde diferentes ámbitos e materias ao alumnado do centro na realización de actividades de interpretación ambiental levadas a cabo dun xeito científico, lúdico e creativo, de maneira que as mozas e mozos puxeran en valor os diferentes espazos naturais do seu concello. A iniciativa foi concibida despois da inauguración dunha pequena senda pola marxe dereita do Rego dos Pasos, concretamente entre Bertamiráns e Pousada.

Este luns fíxose un acto público no que participaron a concelleira de Mocidade, Silvia Dapena, o concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, a concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González, a directora do IES de Ames, Marisol Louro, os profesores coordinadores desta iniciativa, Renata Otero e Roberto Amarelle, así como as técnicas de mocidade e medio ambiente, outras persoas do equipo directivo e do profesorado do instituto. Deste xeito, os rapaces e rapazas, así como os profesores coordinadores da actividade, puideron explicar en que consistiu o proxecto. Por parte do goberno municipal mostraron a vontade de que esta iniciativa se repita durante o próximo curso.

Conformado por tres bloques diferenciados, o proxecto estivo dirixido tanto ao alumnado da ESO como de Bacharelato do centro amesán. O primeiro bloque incluíu a realización de dúas actividades por parte dunha vintena de rapazas e rapaces de 1º da ESO: a identificación e catalogación da fauna e flora do Rego dos Pasos e o estudo do “estado de saúde” do entorno. Desta forma, acompañado polo profesor Roberto Amarelle, o alumnado analizou a calidade da auga, estudou a flora e a fauna e desenvolveu accións de restauración de ribeiras. Realización dun mural
O segundo bloque consistiu na realización dun mural. Desta maneira, 25 mozas e mozos de 1º de Bacharelato plasmaron con pintura as diferentes especies da fauna e da flora que habitan o Rego dos Pasos. A brigada de obras do Concello de Ames foi a encargada de realizar as actuacións de preparación do muro coa limpeza e o pintado do fondo con pintura plástica, seguindo o esquema deseñado previamente polo alumnado.

Asemade, con anterioridade, o alumnado tamén desenvolveu unha serie de accións encamiñadas a coñecer a fauna e a flora do entorno. Acompañadas da súa profesora de Expresión Plástica, Renata Otero, as alumnas e alumnos involucrados no proxecto fixeron unha visita conxunta ao rego para observar e recoller as cores, os tamaños e as posicións dos diferentes elementos naturais a plasmar no mural. Alén diso, o alumnado tamén elaborou diferentes bocexos ata obter a idea final, tanto no referido ao debuxo como á escolla das cores. O proxecto tamén abrangue a posta en marcha dun terceiro bloque de carácter audiovisual que se atopa en fase de deseño e preparación.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925