Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O primeiro Encontro...


O primeiro Encontro de jazz de Ames celebrarase este sábado, 9 de xuño, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns

[07-06-2018] Este sábado, 9 de xuño, ás 22.00 horas, celebrarase o primeiro Encontro de jazz de Ames. Inicialmente estaba previsto que se realizara nos exteriores do Pazo da Peregrina, pero debido á predición meteorolóxica que indica que vai a chover, trasladase ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Trátase dunha nova iniciativa do departamento de Cultura a través da cal se quere potenciar esta disciplina musical. Actuarán os grupos locais, pero de sona internacional, Sumrrá e Pablo Castaño Quartet.

Este sábado, 9 de xuño, ás 22.00 horas, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá unha novidosa actividade que pon en marcha a Concellaría de Educación e Cultura. Trátase do primeiro encontro de Jazz no que actuarán os grupos Pablo Castaño Quartet e Sumrrá. O obxectivo do Concello de Ames é ir consolidando e fortalecendo este evento, así como ampliar a organización de outras actividades relacionadas co jazz, para tratar de poñer en valor esta disciplina musical, tendo en conta a calidade artística que existe en Ames a nivel musical.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou que “a predición meteorolóxica de Meteogalicia e da AEMET indican que este sábado vaia chover, polo que é imposible realizar este evento musical nos exteriores do Pazo da Peregrina. Debido a iso temos que trasladar o concerto ao interior da Casa da Cultura de Bertamiráns”.

Santomil tamén manifestou que “é a primeira edición dun Encontro de jazz, que se enmarca dentro do contexto do programa Cultura no Camiño. Polo concello de Ames discorren dous dos principais Camiños de Santiago; o Camiño Portugués e mailo Camiño de Fisterra-Muxía. Xustamente dentro deste programa desenvolvemos este evento que conta cun cartel impresionante, xa que as dúas bandas que van actuar son locais e son referentes a nivel galego, estatal e internacional”.

Por último Santomil dixo “estamos falando duns músicos de máxima calidade e gran recoñecemento internacional, que temos a sorte de que actúen aquí en Ames. Agardo que sexa un éxito e que moitas familias poidan gozar dun serán de jazz, que é unha disciplina que ata o de agora non se explorara dende o Concello”.

Sumrrá e Pablo Castaño Quartet
Sumrrá é un trío de Jazz galego formado por tres grandes músicos do panorama jazzístico galego. Este proxecto musical nace no ano 2001 produto dos moitos contactos dos tres compoñentes en jam sessions. Desde os seus comezos os seus xeitos de entender e tocar axustáronse de forma moi natural e así continúan. O seu último traballo no mercado chámase 2. Sumrrá son: Manuel Gutiérrez ao piano; Xacobe Martínez Antelo no contrabaixo; e L.A.R. Legido á batería. En 2014 recibiu o Premio Martín Códax da Música na categoría de jazz/músicas improvisadas. No concerto que ofrecerán Ames presentarán o seu último disco 2.

Pablo Castaño Quartet presentará en Ames o primeiro disco en solitario acompañado dun trío de luxo. Este cuarteto está composto por saxofón, piano, contrabaixo e batería. “A-la-láa” é novo proxecto jazzístico deste grupo e toma como punto de partida os cantos libres da música tradicional galega como os alalás e as coplas. O álbum, editado por aCentral Folque, foi gravado por Pablo Barreiro ao vivo durante dúas sesións de improvisación musical en xaneiro de 2018 e masterizado en Nova Iorque polo reputado produtor Kastuhko Naito.

Castaño estivo acompañado na gravación de dous dos nomes máis relevantes da escena galega, como son o pianista Yago Vázquez, residente en Nova Iorque, e o batería Iago Fernández. A eles súmase o bo facer do contrabaixista arxentino Demian Cabaud e da cantante Ugia Pedreira, que está presente en dous dos temas do disco.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925