Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O alcalde de Ames e a...


O alcalde de Ames e a directora de Telefónica en Galicia asinan o contrato do servizo de telecomunicacións, acceso á Internet, transmisión e almacenamento de datos

[08-06-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, e maila directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez, asinaron o contrato polo que a Compañía dará servizo ao Concello en materia de telecomunicacións fixas e móbiles, transmisión e almacenamento de datos e acceso a Internet de banda ancha. Dito contrato foi adxudicado á UTE constituída por Movistar e Telefónica por un período inicial de tres anos e un importe de 263.158,06 euros (IVE incluído). O novo contrato introduce melloras relevantes a nivel tecnolóxico nas comunicacións tanto fixas como móbiles, o acceso a Internet, a seguridade, a rede local, wifi e o almacenamento dos datos.

O novo contrato, adxudicado por un valor de 263.158,06 euros e que contempla a posibilidade de ser prorrogado un ano máis, introduce melloras en canto ao incremento da velocidade de acceso a Internet da Administración local, que pasará dos 20 Mb actuais ata os 250 Mb simétricos. Tamén mellorará substancialmente a velocidade de conexión coas 16 sedes municipais remotas, o que permitirá axilizar a xestión da documentación ao crearse unha rede privada virtual interconectando todas as sedes, e a velocidade da infraestrutura da rede local, na que ademais se optimizarán as liñas de backup e a seguridade, e incrementarase o espazo de almacenamento dos servidores.

O contrato contempla tamén a implantación dun novo sistema de telefonía fixa IP e móbil integrado, máis fiable e con terminais de última xeración, que serán xestionados desde un sistema de comunicación centralizado na nube, que permitirá a mellora da atención do concello aos veciños, e melloras no servizo de streaming, que estará dotado con ata 600 Gb de almacenamento e posibilitará a reprodución de contidos dixitais en directo.

A posta en marcha do novo servizo permitirá así mesmo a instalación dun novo sistema wifi nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro e na biblioteca desta última localidade e a instalación dun novo servizo 092 para a Policía Local.

Durante a firma, o alcalde e concelleiro de Novas Tecnoloxías, José Miñones, sinalou que “esta blindaxe no proceso de telecomunicacións permitirá que o Concello de Ames garanta durante os próximos anos unha capacidade adaptada ao século XXI e que siga dando pasos na modernización das infraestruturas. Temos un Concello máis áxil, eficiente e seguro, ademais de cumprir coa legalidade e a un menor prezo”. Pola súa banda, a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez, agradeceu “a confianza depositada na Compañía para mellorar as comunicacións do Concello”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925