Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Encontro...


O Encontro Intercultural deste ano celébrase o vindeiro sábado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns

[09-06-2018] O próximo sábado, 16 de xuño, o Pazo da Peregrina volverá acoller un novo Encontro Intercultural a partir das 17:00 horas. O Encontro, que será aberto a toda a veciñanza, incluirá a degustación de pratos tradicionais elaborados por familias migrantes afincadas en Ames, a inauguración e unha visita guiada á exposición fotográfica “No colo da esperanza”, a realización de diferentes obradoiros dirixidos a crianzas e maiores e a actuación do grupo Ascuas. A iniciativa, que está comprendida na Estratexia de Inclusión Social de Galicia (2014-2020), está confinanciada pola Unión Europea a través do Programa Operativo FSE Galicia.

O vindeiro 16 de xuño celébrase en Ames un novo Encontro Intercultural, organizado pola Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, co obxectivo de promover a interculturalidade entre a veciñanza mediante o intercambio de saberes, favorecendo a creación de lazos e dando a coñecer diferentes culturas a través da gastronomía de cada país. Estes Encontros naceron no 2008 ligados ás aulas de castelán e galego, que o Concello imparte ás persoas migrantes de Ames. Actualmente, a iniciativa é aberta a toda a veciñanza.

No Encontro deste 2018 participarán persoas de 18 nacionalidades diferentes, con receitas propias dos seus países de orixe: Cuba, República Dominicana, Brasil, Venezuela, Panamá, Nixeria, Timor Oriental, Guatemala, Italia, Marrocos, Portugal, Angola, Colombia, Holanda, Paraguay, Bosnia-Herzegovina, Perú e a propia Galicia. Algunhas destas persoas serán as encargadas de impartir os diferentes obradoiros que se desenvolverán ao longo da tarde e que abordarán os modos de creación de barriletes (cometas típicas de Guatemala), turbantes, trenciñas africanas e a decoración de chanclas.

O Encontro Intercultural tamén incluirá a inauguración da exposición fotográfica “No colo da esperanza”, centrada nas persoas refuxidas e ofertada ao Concello polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Ames é socio. O autor da mostra, o fotoxornalista Felipe Carnotto ofrecerá ese día unha visita guiada á exposición. O Encontro contará asemade coa actuación do grupo amesán Ascuas, así como cunha exhibición de danza tradicional peruana.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925