Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames ofrécese...


Ames ofrécese a colaborar coa FEMP na acollida dos refuxiados que viaxan no barco humanitario Aquarius

[13-06-2018] En resposta ao chamamento feito pola Federación Española de Municipios y Provincias, o Concello de Ames ofreceu a súa colaboración e pon a disposición da FEMP os recursos que poida ter para colaborar na acollida dos refuxiados/as que viaxan no barco humanitario "Aquarius". Asemade, dende Ames conmemoran o Día Mundial do Refuxiado, que se celebra cada 20 de xuño, coa exposición da mostra "No colo da esperanza", que poderá visitarse no Pazo da Peregrina ata o venres 29 de xuño. Dita mostra será inaugurada este sábado, 16 de xuño, durante a celebración do Encontro Intercultural cunha visita guiada da man do propio autor, Felipe Carnotto.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que “o Día Mundial do Refuxiado, celébrase cada 20 de xuño, para conmemorar a súa forza, valor e perseveranza. Esta celebración danos a oportunidade de mostrar o noso apoio ás familias que se viron obrigadas a fuxir. Dende o Concello de Ames queremos concienciar e chamar a reflexión sobre a dramática situación das persoas refuxiadas. Como dixo António Guterres, secretario xeral da ONU, non se trata de compartir unha carga, senón de compartir unha responsabilidade mundial, baseada tanto na idea xeral de que todos somos humanos como nas obrigas moi específicas contraídas en virtude do dereito internacional. Os problemas fundamentais son a guerra e u odio, non as persoas que foxen”.

Para conmemorar o Día Mundial do Refuxiado, o Concello de Ames contará coa exposición "No colo da esperanza", que poderá visitarse no Pazo da Peregrina dende o sábado 16 ata o venres 29 de xuño. A inauguración desta exposición terá lugar este sábado durante a celebración do Encontro Intercultural cunha visita guiada da man do propio autor, Felipe Carnotto. Esta exposición ten como obxectivo concienciar sobre a difícil situación das persoas refuxiadas. A mostra componse dunha ducia de fotografías en branco e negro tomadas no ano 2015 na coñecida como "ruta dos Balcáns", a través da que milleiros de persoas foxen da guerra en Siria á procura de refuxio en Europa.

Mostra sobre os refuxiados da ruta dos Balcáns
Estas fotografías están protagonizadas principalmente por nenos e nenas que foxen da guerra en Siria coas súas familias, na procura dun futuro próspero en Europa. A forza das imaxes pretende poñer o foco nas inxustizas responsables da crise migratoria e humanitaria pola que miles de refuxiados se ven obrigados a abandonar os seus fogares e camiñar durante horas, cruzando países como Turquía, Macedonia ou Serbia na procura de refuxio, coa esperanza de vivir en paz. A exposición fotográfica, forma parte das actividades ofertadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aos Concellos socios.

A relación entre Felipe Carnotto e o Fondo Galego bota a andar en 2014, cando o fotógrafo gaña o concurso Imaxes con Fondo II, no que o premio era unha viaxe a Nicaragua para retratar a realidade do país e os proxectos alí apoiados. Desta colaboración nace a mostra "Nicaragua. O futuro" e unha serie de talleres de fotografía social que percorreron unha decena de vilas. Agora o reporteiro cede esta nova exposición realizada na ruta dos Balcáns, onde o Fondo Galego aportou axudas de emerxencia ás persoas refuxiadas.

Como fotoxornalista freelance, Felipe Carnotto (São Paulo, 1986) publicou en xornais como The Guardian, Der Spiegel, Financial Times, El País ou a revista Luzes. O fotógrafo de orixe brasileira afincado en Vigo mostrou ademais a súa obra na Sede Afundación da cidade olívica ou no Kiosko Alfonso da Coruña, así como en galerías e museos doutros puntos do estado e de Portugal. En 2017 faise co recoñecemento á Imaxe do Ano no prestixioso certame Estação Imagem e no mesmo ano consegue o Galicia en Foco, o galardón fotoxornalístico máis antigo de Galicia.

Ames Concello de Acollida
O pleno da Corporación municipal, o día 3 de setembro de 2015, aprobou por maioría declarar Ames "Concello de Acollida". Ante as últimas novas e o ofrecemento por parte do Goberno do Estado de acoller aos refuxiados/as que viaxan no barco humanitario "Aquarius", dende o Concello de Ames puxeron a disposición da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) os recursos que poida ter para colaborar na acollida de ditos/as refuxiados/as.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925