Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Pazo da Peregrina...


O Pazo da Peregrina acolle este sábado, 16 de xuño, unha nova edición do Encontro Intercultural de Ames

[14-06-2018] Este sábado, 16 de xuño, a partir das 17:00 horas, o Pazo da Peregrina volverá acoller unha nova edición do Encontro Intercultural. Esta actividade, que está aberta a toda a veciñanza, incluirá, seguindo esta orde: unha degustación de pratos tradicionais elaborados por familias migrantes afincadas en Ames; a actuación do grupo Ascuas; a realización de diferentes obradoiros dirixidos a crianzas e maiores; e a inauguración, cunha visita guiada da man do propio autor, Felipe Carnotto, da exposición fotográfica “No colo da esperanza”. A iniciativa, que está comprendida na Estratexia de Inclusión Social de Galicia (2014-2020), está confinanciada pola Unión Europea a través do Programa Operativo FSE Galicia.

Este sábado, 16 de xuño, celébrase en Ames un novo Encontro Intercultural, organizado pola Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, co obxectivo de promover a interculturalidade entre a veciñanza mediante o intercambio de saberes, favorecendo a creación de lazos e dando a coñecer diferentes culturas a través da gastronomía de cada país. Estes Encontros naceron no 2008 ligados ás aulas de castelán e galego, que o Concello imparte ás persoas migrantes de Ames. Actualmente, a iniciativa é aberta a toda a veciñanza.

No Encontro deste 2018 participarán persoas de 18 nacionalidades diferentes, con receitas propias dos seus países de orixe: Cuba, República Dominicana, Brasil, Venezuela, Panamá, Nixeria, Timor Oriental, Guatemala, Italia, Marrocos, Portugal, Angola, Colombia, Holanda, Paraguay, Bosnia-Herzegovina, Perú e a propia Galicia. O Encontro contará asemade coa actuación do grupo amesán Ascuas. Algunhas destas persoas serán as encargadas de impartir os diferentes obradoiros que se desenvolverán ao longo da tarde e que abordarán os modos de creación de barriletes (cometas típicas de Guatemala), turbantes, trenciñas africanas e a decoración de chanclas.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luisa Feijóo, explica que “este ano van participar no Encontro Intercultural persoas migrantes, afincadas en Ames, de 18 nacionalidades diferentes que van a preparar 24 pratos diferentes. Por todo isto temos que agradecerlles a súa xenerosidade por mostrarnos parte da súa cultura e por facer posible ese intercambio de saberes e de sabores. Trátase dunha xornada de convivencia para aprender destas persoas que chegaron a Ames doutros países do mundo”.

Exposición fotográfica “No colo da esperanza”
O Encontro Intercultural tamén incluirá a inauguración da exposición fotográfica “No colo da esperanza”, centrada nas persoas refuxiadas e ofertada ao Concello polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Ames é socio. Esta exposición ten como obxectivo concienciar sobre a difícil situación das persoas refuxiadas. A mostra componse dunha ducia de fotografías en branco e negro tomadas no ano 2015 na coñecida como "ruta dos Balcáns", a través da que milleiros de persoas foxen da guerra en Siria á procura de refuxio en Europa.

Estas fotografías están protagonizadas principalmente por nenos e nenas que foxen da guerra en Siria coas súas familias, na procura dun futuro próspero en Europa. A forza das imaxes pretende poñer o foco nas inxustizas responsables da crise migratoria e humanitaria pola que miles de refuxiados se ven obrigados a abandonar os seus fogares e camiñar durante horas, cruzando países como Turquía, Macedonia ou Serbia na procura de refuxio, coa esperanza de vivir en paz. O autor da mostra, o fotoxornalista Felipe Carnotto, ofrecerá ese día unha visita guiada á exposición.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925