Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames...


Ames clausurará o programa Vive o Camiño cun contacontos de Celso Sanmartín e a música de MJ Pérez

[26-06-2018] Impulsado por Turismo de Galicia, o programa “Vive o Camiño” ofrecerá este verán máis de 40 actividades nos concellos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa. En total programaranse 44 actividades de balde, entre contacontos e actuacións musicais, a cargo de diferentes artistas con traxectorias recoñecidas e cunha ampla experiencia no mundo das artes escénicas e a música. O primeiro dos espectáculos realizouse onte luns, 25 de xuño, en A Guarda. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, acollerá as últimas actuacións, o 14 de setembro no Milladoiro. Será co contacontos “O Camiño que camiña con nós”, de Celso Fernández Sanmartín, e cunha das novas voces do panorama actual da música galega, MJ Pérez, e o seu traballo “Sigo facendo camiño”, onde fusiona diversos estilos musicais co predominio do pop-rock.

O programa de artes escénicas “Vive o Camiño” ofrecerá durante este verán máis de 40 actividades de balde e dirixidas a todos os públicos nos concellos galegos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa. Desde hoxe mesmo e ata o vindeiro mes de setembro, esta iniciativa de promoción e dinamización dos itinerarios xacobeos encherá de música e teatro numerosas rúas e prazas das provincias de Pontevedra e A Coruña. Os diferentes espectáculos irán acompañadas dunha exposición informativa tanto do Camiño Portugués como do Camiño Portugués da Costa.

A oferta de “Vive o Camiño” distribuirase polos concellos de A Guarda, O Rosal, Oia, O Porriño, Nigrán, Pontevedra, Baiona, Mos, Valga, Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Barro, Caldas de Reis, Tui, Portas, Pontecesures, Padrón, Rois, Dodro, Teo e Ames. A programación inclúe a proposta de contos e historias das árbores do Camiño Portugués que concienciará da importancia de protexer o patrimonio forestal da ruta xacobea, a cargo de Anxo Moure. Un espectáculo que estará acompañado nalgunhas localidades pola animación da música en directo de Servando Barreiro.

A proposta O Camiño que camiña con nós, de Celso Fernández Sanmartín, Celsiño, completará a oferta de contacontos desta edición. Ademais, presentarase o novo espectáculo de Magín Blanco, Camiños, e se poderá gozar da música de MJ Pérez, co seu traballo Sigo facendo camiño.

Completarán a oferta a cantante Silvia Penide, co seu espectáculo Feminino Plural e Najla Shami, con Camiños de culturas, que estará acompañada por guitarrista e, nalgúns casos por percusión, para facer orixinais mesturas entre música galega e outras de sons africanos, brasileiros e mesmo co jazz. Xunto a “Vive o Camiño”, o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa tamén acollen durante estes meses a exposición itinerante De mar a mar, que ofrece unha perspectiva en 3D do Camiño de Santiago.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925