Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas 8 mozas e mozos...


8 mozas e mozos participan este verán na quinta edición do programa de Voluntariado Xuvenil da OMIX de Ames

[03-07-2018] A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ames desenvolve de novo este verán, por quinta vez, un programa de voluntariado xuvenil. Nel participarán oito mozas e mozos de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. O equipo colaborará na organización de distintas actividades municipais, como é o campamento urbano da Aula da Natureza, que se desenvolverá do 9 ao 20 de xullo, de luns a venres, en horario de 16:00h a 20:00 horas.

Este programa enmárcase na convocatoria de subvencións da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. O seu obxectivo é a promoción de actividades que favorezan o desenvolvemento persoal e profesional das mozas e dos mozos que participen, ao mesmo tempo que eles e elas contribúen a mellorar a calidade vida da comunidade.

Os oitos voluntarios e voluntarias teñen entre 16 e 30 anos. Eles e elas axudarán colaborando con actividades e serán os e as encargadas de colaborar no deseño, programación, execución e avaliación das actividades, sempre supervisados e en contacto cos e coas responsables da OMIX e da Aula da Natureza. Acompañarán a nenas e nenos para que pasen unhas tardes divertidas, á vez que educativas na época de verán, a través de obradoiros, xogos e excursións sempre conectados co medio ambiente e a natureza.

O alcalde de Ames, José Miñones, achegouse a unha das reunións de programación das actividades realizadas na sala de Plenos da Casa do Concello e animou aos voluntarios/as a seguir colaborando neste tipo de iniciativas xuvenís, e agradeceu o seu esforzo e implicación.

A través deste programa búscase apoiar a participación xuvenil da mocidade, reforzar o seu compromiso coa comunidade e formalos en actividades relacionadas co lecer e o medio ambiente. Isto último potenciará a súa capacitación e formación de cara a futuras oportunidades educativas ou laborais. O traballo realizado contribúe a aumentar as súas posibilidades laborais, ao valorarse positivamente as labores de voluntariado. O voluntariado fomenta ademais a creación de lazos sociais, o traballo en equipo e a interrelación entre iguais. Ao remate do programa de voluntariado as persoas participantes recibirán un diploma expedido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925