Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames ofrece o servizo de Bibliopiscinas no Milladoiro, Bertamiráns e na praia fluvial de Tapia

[03-07-2018] O Concello de Ames está desenvolvendo unha nova edición do programa de Bibliopiscinas. Tratase dunha iniciativa da Concellaría de Educación que, por décimo sexto ano consecutivo, pretende achegar os seus servizos tradicionais, levando os libros, os xogos, os contos, os xoguetes e varias actividades a estas áreas. Estas actividades desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto nas piscinas descubertas do Milladoiro e Bertamiráns, e na área recreativa de Tapia. Ademais, nas Bibliopiscinas hai xornais, xogos de mesa e libros para os maiores. Este ano, ao igual que o anterior, este servizo é prestado pola empresa amesá, Órbita Infantil.

Un ano máis botan a “nadar” as Bibliopiscinas en Ames. Dende o 1 de xullo e ata o 31 de agosto estará en funcionamento o servizo municipal das Bibliopiscinas. O domingo 1 comezou a funcionar na área recreativa de Tapia, mentres que o luns 2 de xullo abriron nas piscinas do Milladoiro e Bertamiráns. As actividades de animación á lectura que se desenvolven durante o verán nas piscinas municipais descubertas dá continuidade ao programa de animación que se desenvolve nas bibliotecas durante o resto do ano. A través desta iniciativa trátase de facer máis divertidas as tardes de sol para pais, nais e fillos/as.

Este servizo conta con monitores/as especializados/as e entre as actividades que levan a cabo destacan, contacontos, obradoiros de todo tipo de manualidades, murais, xogos tradicionais, etc. Asemade, cóntase con libros, xogos tradicionais, xogos de mesa e demais xoguetes. Trátase de fomentar o hábito lector entre a poboación infantil do concello dun xeito lúdico-recreativo, lonxe do marco cotiá dos colexios e estudios. Quen queira gozar deste servizo poderá facelo en horario de 16:00h a 20:00 horas, de luns a venres, no Milladoiro e Bertamiráns, e de martes a domingo, en Tapia, tamén no mesmo horario.

Todos/as coñecemos a importancia de medrar coa lectura e, por esta razón, o Concello impulsa iniciativas coma esta das Bibliopiscinas, para que os nenos poidan asociar a lectura non só coas horas de estudo senón tamén co tempo de lecer. Os expertos coinciden en que é importante que os nenos e nenas non perdan o hábito de estudo nas vacacións, xa que logo lles resultará máis complicado a volta á rutina escolar. Pero non debemos esquecer que eles, ao igual que todos, necesitan descansar e desenvolver actividades lúdicas e motivadoras.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925