Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Este domingo, 8 de...


Este domingo, 8 de xullo, celébrase en Ortoño a XIV Festa do chourizo ao viño e a VII Degustación da orella de porco cocida

[07-07-2018] Este domingo a parroquia de Ortoño celebra unha nova edición da súa Festa do chourizo ao viño, organizada pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao Viño. Con esta xa suman catorce edicións degustando este prato, acompañándoo con viño do Ribeiro, e sete dende que na mesa se incluíu tamén a orella de porco cocida. Este ano, por segundo ano consecutivo, tamén haberá filloas. O xantar estará amenizado polo grupo de música tradicional Os Castros e as pandereiteiras As Maianas. Ademais, actuarán o dúo Eva e Camilo, Manolito El Pescador e Tina A Perla de Arousa. Os tíckets para xantar poderanse adquirir o domingo no propio campo da festa de Ortoño.

A xornada comezará cunha misa, ás 12.15 horas. Xa ás 13.00 horas serviranse as primeiras cuncas de Ribeiro e comezaranse a servir as racións de chourizo ao viño, acompañadas por cachelos, e de orella de porco cocida. Membros da propia organización son encargados de cociñar todos os pratos: 500 racións de orella e 1.000 de chourizo para dar de comer ao público.

Os tíckets para xantar poderanse adquirir o domingo no propio campo da festa de Ortoño. A tarteira de barro con chourizos, cachelos, dúas filloas, pan, viño, xeado e café custa 8 euros. As persoas que queiran repetir poderano facer por un prezo de 4 euros máis. Por outra banda, un prato de orella con pan e viño ten un custo de 5 euros.

No campo da festa instalarase unha carpa para resgardar as mesas. O xantar estará amenizado polo grupo de música tradicional Os Castros e polas pandereteiras As Maianas, ambos do concello de Ames. Mentres se serven os cafés e a sobremesa, comezará a soar a música do dúo Eva e Camilo, que acompañará á festa ao longo da tarde. Ademais, o longo da tarde contarase coa actuación de Manolito El Pescador e Tina A Perla de Arousa.

Xa pola tarde, chegará a quenda dos e das seareiros da chave. O XIII Campionato de Chave por parellas das Festas do Chourizo ao Viño comezará ás 17:00 horas. As parellas que queiran inscribirse poderán facelo o propio día da festa ata as 16:30 horas. Os trofeos para as tres mellores parellas foron doados polo Concello de Ames. No campo da festa instalaranse tamén inchables gratuítos para que xoguen as crianzas, cedidos á organización por Tiko Doco.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925