Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Durante o primeiro...


Durante o primeiro semestre de 2018 investíronse preto de 85.000 euros en axudas de servizos sociais

[07-07-2018] O pasado 14 de decembro de 2017 entrou en vigor a ordenanza reguladora da Renda social e de garantía mínima e as axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social. Dita ordenanza foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario de setembro do pasado ano. Grazas a este acordo ata o 21 de xuño de 2018 concedéronse 5 rendas municipais básicas, por valor de 14,694,56 euros. A esta contía hai que sumarlle 11.472,32 euros concedidos para alugueiros e fianza; 53.492,67 euros para necesidades básicas; 3.374,80 euros para pobreza enerxética e habitabilidade; 200,16 para gastos farmacéuticos; 655 para formación e 353,86 euros para outros conceptos. En total, durante o primeiro semestre de 2018 investíronse 84.173,51 euros en axudas municipais de servizos sociais. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a ordenanza e mailos impresos de solicitude.

O goberno municipal fai balance do primeiro semestre dende a posta en marcha da ordenanza reguladora da Renda social e de garantía mínima e as axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social. Esta ordenanza pretende garantir unha contía económica mínima coa que os veciños e veciñas con recursos económicos e patrimoniais insuficientes poidan cubrir as súas necesidades básicas e que lles permita levar unha vida normalizada cunhas perspectivas de futuro favorables.

A posta en marcha desta ordenanza trae consigo unha modificación substancial da anterior ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social municipal e a principal diferencia radica na regulación de dous tipos de axudas. Por unha banda, a renda social de garantía mínima, que é unha prestación periódica, de natureza económica, temporal, subsidiaria e vinculada a un proxecto de inclusión social, e por outra banda, as axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social, que son prestacións de carácter extraordinario e puntual.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que “o balance destes primeiros seis meses de aplicación é moi satisfactorio e positivo, xa que agora si estamos a atender situacións e necesidades que ata o de agora eran impensables, facilitando así o acceso a recursos e servizos que lles permitan mellorar a súas condicións de vida , evitando situacións de risco e/ou de exclusión social. Coa anterior ordenanza non se estaba a dar unha resposta axeitada ás necesidades prantexadas polos veciños e veciñas nin se estaban a cubrir de forma satisfactoria determinadas situacións e necesidades as que agora si estamos a chegando”.

Incremento do gasto social
Dita ordenanza foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario de setembro do pasado ano. Grazas a este acordo ata o 21 de xuño de 2018 concedéronse 5 rendas municipais básicas, por valor de 14,694,56 euros. A esta contía hai que sumarlle 11.472,32 euros concedidos para alugueiros e fianza; 53.492,67 euros para necesidades básicas; 3.374,80 euros para pobreza enerxética e habitabilidade; 200,16 para gastos farmacéuticos; 655 para formación e 353,86 euros para outros conceptos. En total, durante o primeiro semestre de 2018 investíronse 84.173,51 euros en axudas municipais de servizos sociais.

O incremento en gasto social dende a entrada en vigor de dita ordenanza queda patente se temos en conta o investimento anual feito nos últimos anos. En 2014 a cantidade total destinada a emerxencia social foi de 34.461,40 euros (14.792,49€ para alugueiros e fianza; 11.960,10€ para necesidades básicas; 3.478,32 para subministros; 2.695,90€ para gastos farmacéuticos; 665,63€ para habiltabilidade; e 868,33€ para outros conceptos. En 2015 investíronse 29.370,59€ distribuídos en alugueiros e fianza: 15.573,70€; necesidades básicas: 8.807€; subministros: 3.024,39€; gastos farmacéuticos: 1,195,83€; e outros conceptos: 722,72€.

Por outra banda, en 2016 realizouse un gasto neste eido de 35,060,52€ (alugueiros e fianza: 17.867,12€; necesidades básicas: 11.089,76€; subministros: 4,280,30€; gastos farmacéuticos: 181,53€; habitabilidade: 578,79€; e outros: 1.163,02€), mentres que en 2017 investíronse 27.010,63€ (alugueiros e fianza: 12.307,93€; necesidades básicas: 10,102,50€; subministros: 2.375,93€; gastos farmacéuticos: 1.470,67€; e outros: 753,60€).

Renda para persoas e familias con recursos económicos insuficiente
Esta renda está prevista para persoas, familias ou unidades de convivencia con recursos económicos insuficientes, en situación de vulnerabilidade e/ou en risco de exclusión social co fin de evitar, previr ou paliar posibles situacións de marxinación social. Establécese un límite de ingresos para poder acceder a esta Renda por unidade familiar ou de convivencia do 100% do IPREM vixente en cada ano incrementado nun 10% por cada membro adicional ata un máximo de 150% e unha esixencia de 3 meses de empadroamento. Establécese unha duración inicial para a prestación de 6 meses prorrogable.

Por outra banda, as axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social, que substituirían a actual ordenanza de emerxencia social. Trátase dunha prestación económica de carácter extraordinario e puntual, subsidiaria e complementaria das axudas sociais previstas na lexislación vixente destinadas a atender situacións de urxencia sobrevidas que impidan facer fronte as necesidades básicas. Con respecto a anterior increméntase notablemente o límite de ingresos para acceder a estas axudas do 75 a o 125% do IPREM, incrementado nun 10% por cada membro adicional e descóntanse por alugueiro ou hipoteca ata un máximo de 350 euros. Neste caso mantense o requisito de empadroamento en 6 meses e a súa duración e contía dependerá da concepto concreto que da lugar a dita axuda.

Cinco prestacións concretas e outros gastos excepcionais
A nova ordenanza regula a renda social (prestación periódica) e cinco prestacións concretas e outros gastos excepcionais como son unha prestación para a cobertura de necesidades básicas, tanto de carácter xeral como para gasto sanitario e farmacéutico (incluído saúde buco-dental); para uso e mantemento da vivenda; habitabilidade e pobreza enerxética; desenvolvemento de actividades de inserción socio-laboral e educativas; e transporte.

As persoas, familias ou unidades de convivencia que estean interesadas en optar a estas axudas xa poden presentar as súas solicitudes. Para iso haberá que presentar a documentación que se solicita, xunto cos impresos de solicitude, nos rexistros municipais, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Para máis información pódese pasar pola oficinas municipais de Servizos sociais de Bertamiráns ou do Milladoiro. Outra opción é chamar aos números de teléfono: 981 890 964 - 981 535 941.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925