Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O goberno municipal...


O goberno municipal reúnese coa empresa Discarlux para abrir vías de colaboración arredor do proxecto “Fisterra Bovine World”

[06-07-2018] Este xoves, 5 de xullo, o alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Promoción Económica, Isabel González, xunto coa técnica do departamento municipal de Turismo, Sonia Moure, mantiveron unha xuntanza na Casa do Concello co responsable de marketing da empresa Discarlux, Carlos González, e cun dos colaboradores de dita empresa no proxecto “Fisterra Bovine World”, José Manuel García. Este encontro serviu para explorar vías de colaboración arredor deste primeiro proxecto mundial de cría de vacún en paralelo no que se van a criar 13 razas de vacas diferentes. O obxectivo é crear un centro de interpretación arredor do vacún e abrir este establo, situado na parroquia de Trasmonte, ao mundo da cociña e á veciñanza de Ames. En setembro volverán a ter unha nova xuntanza para manter novos contactos.

Membros do goberno municipal, así como a técnica de Turismo do Concello de Ames, reuníronse esta semana con distintos responsables da empresa Discarlux para abrir vías de colaboración arredor do proxecto “Fisterra Bovine World”. Unha das posibilidades das que se falou foi o de relacionar este proxecto co Camiño de Santiago a Fisterra, que atravesa a parroquia de Trasmonte. Asemade, abordouse a posibilidade de adecuar unha zona do establo para a recepción de convidados, así como habilitar unha zona dedicada a centro de interpretación relacionado co mundo da vaca e da carne.

Por outra banda, buscarase potenciar o establo de Discalux coa posta en marcha dunha aula de formación, que permita a gandeiros de toda España achegarse a coñecer o proceso de cría de vacún, así como abrir ao alumnado dos colexios esta explotación para que coñezan o traballo realizado neste lugar. O obxectivo é abrir esta explotación de vacún a diferentes organismos oficiais, escolas de cociña e á veciñanza amesá en xeral para que poidan coñecer máis de preto dito proxecto.

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou a importancia deste proxecto. “Dende o Concello de Ames queremos aproveitar este proxecto de calado internacional para crear sinerxias comúns tanto para a veciñanza de Ames como para a empresa Discarlux. Trataremos de que o alumnado dos centos educativos poidan ir coñecer esta explotación de vacún, así como crear un centro de interpretación e de formación, que permita aos gandeiros que o desexen, acercarse a coñecer este proceso de cría de vacún”.

Fisterra Bovine World”
A través deste proxecto vanse criar 13 razas de vacas diferentes (Angus Aberdeen, Wagyu, Simmental, Galloway, Hereford, Dexter, Highland, Cachena, Limiá, Sayaguesa, Maronesa, Frisoa e, por suposto, a rubia Galega, da cal se optou por incluír vaca e boi). Durante 24 meses vanse a criar xuntas estas razas bovinas de todo o mundo, coa máxima pureza e unha idade semellante, que van ser alimentadas do mesmo xeito, no mesmo lugar e cos mesmos coidados.

O obxectivo final é amosar que as carnes destas especies doutros países ao ser criadas na nosa terra poden conseguir a mesma calidade que a que na actualidade ten un maior recoñecemento, como é a Rubia Galega. O proxecto será valorado pola Universidade de Santiago de Compostela unha vez pasen os anos de cría e por medio dunha cata internacional darase a valoración dos mellores chefs do mundo.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925