Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Rematou o curso...


Rematou o curso 2017-2018 do programa Amessan cunha festa no Pazo da Peregrina

[09-07-2018] Este sábado, 7 de xullo, rematou o curso 2017-2018 do programa de envellecemento activo “Amessan”. Para elo celebrouse unha festa na que houbo música a cargo de Eme Music; unha exposición de manualidades dos grupos de Cruxeiras, Trasmonte e Agrón; e actuacións dos grupos de pandereteiras de Lens, Ameixenda, Bugallido e Trasmonte. Durante este curso, como novidade, impartiuse a actividade de música tradicional na parroquia de Lens e realizouse un programa de cinco charlas dirixidas a persoas maiores de 60 anos. O curso 2018-2019 comezará no mes de outubro.

Arredor de 500 persoas participaron durante este curso no programa de envellecemento activo “Amessan”. As actividades deste programa impartíronse nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte e nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro. Este curso, como novidade, impartiuse a actividade de música tradicional na parroquia de Lens. Ademais, impartiuse un ciclo de cinco charlas dirixidas a persoas maiores de 60 anos. Cada unha destas conferencias abordou un tema diferente: alimentación saudable; prevención de demencias; sexualidade na idade adulta; prevención de estafas; e roubos e recursos para persoas que viven soas.

Para clausurar o curso 2017-2018, este pasado sábado, 7 de xullo, realizouse unha festa no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, na que houbo música, con actuacións como a das propias pandereteiras do programa e da discoteca móbil Eme Music. Ademais, tamén se puido ver unha exposición sobre os traballos realizados durante o ano polo grupo de manualidades dos grupos de Cruxeiras, Trasmonte e Agrón. Esta exposición poderá visitarse no segundo andar do edificio do Pazo da Peregrina ata este xoves, 12 de xullo.

Asemade, os grupos de pandereteiras de Lens, Ameixenda, Bugallido e Trasmonte fixeron unha actuación conxunta. Interpretaron o tema: Ribeirana de Lourido. De seguido, cada grupo actuou de forma individual. Primeiro foi o grupo de Lens, que interpretou o Pasodobre de Barro de Arén, Cerdedo; Canto, maneo e xota de Carballo; Muiñeira e pasodobre de Bembibre; e maila Xota de Liñares. A continuación, tocoulle ao grupo da Ameixenda, que tocou a Muiñeira da Oliveira; Xota e muiñeira punteada de Cabanude; Canto e maneo de Anxeriz; e Foliada do Mariñeiro.

Tras estas actuacións, foi a quenda do grupo de Bugallido, que interpretou o Canto do Camiño de Bembibre; Maneo de Silván; Muiñeira do Canizo; e Non hai ron maruxiña. Pecharon as actuacións o grupo de Trasmonte coa Foliada de Anllóns; Xota e pasodobre de Berdeogas; Canto, muiñeira e pasodobre de Bembibre; e Pandeiretada.

A concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González, destacou a implicación e participación da veciñanza de Ames no programa Amessan. “Un ano máis rematamos o curso de Amessan cunha festa no Pazo da Peregrina, na que que se puido ver a exposición dos grupos de manualidades e escoitar a música dos grupos de pandereiteiras. Gracias a todas e todos que vos achegastes e gracias a todas ás persoas que formastes parte de Amessan o longo de todo o ano. No próximo mes de outubro comezará o curso 2018-2019”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925