Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Abre ao baño a...


Abre ao baño a praia fluvial de Tapia

[10-07-2018] O Concello de Ames abrirá hoxe, a partir das 15.00 horas, a área de baño da praia fluvial de Tapia. As analíticas feitas pola Consellería de Sanidade e pola empresa Espina & Delfín deron como resultado que a calidade da auga do río Tambre, ao seu poso por Tapia, é entre bo e excelente. Polo tanto, dende esta tarde volverá a ondear a bandeira verde nesta área fluvial. Independentemente disto dende o goberno municipal vaise solicitar información aos organismos autonómicos correspondentes, para esclarecer o ocorrido no río Tambre dende hai 15 día e que provocou a aparición de peixes mortos e maila turbidez da auga.

Esta mañá coñeceuse o resultado das analíticas feitas pola Consellería de Sanidade e pola empresa Espina & Delfín. En ambos casos o resultado indica que a calidade da auga está entre bo e excelente, polo tanto é apta para o baño. Os parámetros microbiolóxicos analizados foron os enterococos fecais e os escherichia coli. Ambas analíticas dan un resultado moi similar. As mostras indican a existencia de enterococos fecais, pero en cantidade pouco significativa. Cómpre lembrar que os técnicos da Consellería de Sanidade recolleron mostras da auga o pasado domingo, mentres que o persoal de Espina & Delfín recolleu mostras o sábado e mailo luns.

Esta mañá o concelleiro de Servizos Básicos, estivo na praia fluvial de Tapia e constatou que a turbidez da auga xa é menor, así como que non había máis peixes mortos. Blas García apunta que “as diferencias das analíticas feitas son mínimas e débense a que as mostras foron collidas unha o sábado e outra o luns, polo tanto o tempo de diferenza fai que varíen un pouco os parámetros, pero é unha variación mínima”.

Solicitude de información para esclarecer o ocurrido
Asemade, o concelleiro de Servizos Básicos di “independentemente de que esta tarde se abra a zona de baño da praia fluvial de Tapia, dende o Concello vamos pedirlles explicacións a Augas de Galicia e á Consellaría de Medio Ambiente, para esclarecer o ocorrido no río Tambre dende hai 15 día e que provocou a aparición de peixes mortos e maila turbidez da auga”.

Por último, Blas García queixase “da inoperancia da Consellaría de Medio Ambiente e da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, xa que o único que fixeron foi remitir o asunto a Augas de Galicia e pasarse a pelota duns a outros sen aclarar nada nin dar ningunha solución". Pola contra, quere "agradecerlle ao xefe do servizo provincial da Consellería de Sanidade a atención prestada e a dilixencia en dar resposta ás demandas de información do Concello de Ames".

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925