Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A...


A compañía Pista catro produtora de soños representa este venres, 13 de xullo, en Ames o espectáculo “Cigani”

[10-07-2018] A programación cultural do Concello de Ames para este verán continúa este venres, 13 de xullo, cun novo espectáculo de rúa. A compañía Pista catro produtora de soños chega a Ames co seu espectáculo Cigani. A participación directa do público é esencial neste espectáculo de rúa. O clown, a improvisación, o happening e mailos números cómicos con voluntarios/as fan que cada función sexa diferente e non deixe e sorprender e divertir. Realizarase no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro, ás 20.00 horas. Esta dirixido a un público familiar. No caso de que chova, o espectáculo será no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

Un coche escangallado con música balcánica a todo volume, botando fume polos catro costados. Disparos ao aire. Gritos de euforia. Xa están aquí. En canto aparquen o coche no medio da praza xa se poden ir preparando os transeúntes e o público en xeral. Chegan ilegais ao país e cren que na rúa son absolutamente libres. Unha tuba, unha trompeta e un charlatán. Tocarán, bailarán, cantarán, farán malabares con ladrillos, boxearán cos seus fillos, casarán coa súa muller, dispararanlle, roubaranlle a carteira, fuxirán da policía, farán de todo por arrincarlle un sorriso... e uns euros. Ao final, o grande número da mini-moto e o salto mortal a través do Aro de Lume. Descarados, delincuentes, polígamos, macarras, encantadores, xeniais. Chegan de Macedonia, un é de Plátano, outro de Fresa e outro de Melocotón, son os irmáns Ciganî!!!

Trátase dun espectáculo inspirado nos personaxes e na estética dos filmes de Emir Kusturika. O delicado tema da inmigración e da delincuencia tratado con todo o descaro de tres pallasos, rachando tabús e implicando á xente no universo delirante destes entrañables buscavidas balcánicos. Chegan sen papeis, infrinxindo tódalas leis, alterando a orde pública, transgredindo as normas de conduta. Aínda así, a xente rirá e chorará con eles, porque ó fin e ó cabo, todos levamos un neno revoltoso dentro con ganas de xogar. A música en directo e a participación directa do público son os dous compoñentes esenciais deste espectáculo de rúa, que se nutre do clown, da improvisación, dos números cómicos con voluntarios e do que acontece espontaneamente en cada función, o que fai que cada pase sexa lixeiramente diferente e que o espectáculo non deixe de sorprender e divertir.

Este espectáculo, que é de balde, desenvolverase este venres, 13 de xullo, a partir das 20.00 horas, no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro. Esta dirixido a un público familiar. No caso de que chova, o espectáculo será no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925