Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O CEIP de Barouta...


O CEIP de Barouta gaña o primeiro premio do V Concurso Proxecta Innovación co proxecto "Embaróuta-T: nó sostible"

[13-07-2018] O CEIP de Barouta gañou o pasado mes de xuño o primeiro premio da quinta edición do concurso Proxecta Innovación. Trátase dun certame de ideas para a aula que organiza a Plataforma Proxecta, o espazo educativo da Fundación Amancio Ortega e da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. O colexio amesán presentouse a dito concurso co proxecto "Embaróuta- T: nó sostible" de colexio intelixente, conectado e vinculado a calquera parte do mundo. Recibirá unha contía de 7.880 euros (o 80% do importe solicitado), para poder desenvolver o devandito proxecto de smartschool.

O proxecto Embaróuta- T: nó sostible, do CEIP de Barouta, foi elixido como gañador da quinta convocatoria do Concurso Proxecta Innovación. Dito premio está dotado cun financiamento de 7.880 euros (o 80% do importe solicitado). Trátase dun proxecto que pretende a transformación do propio centro, a través da robótica e o tratamento de residuos, nunha smartschool: nun colexio intelixente, conectado e vinculado a calquera parte do mundo e onde se promovan aprendizaxes significativas desde as capacidades e orientados ás expectativas dos alumnos.

O pasado 24 de maio os representantes dos seis proxectos finalistas do V Concurso Proxecta Innovación tiveron a oportunidade de explicar e defender os seus proxectos ante o xurado do certame no XII Encontro inspiraTICs. Con grandes doses de entusiasmo e ambición, todos os proxectos foron subindo ao escenario para presentar, algúns con docentes e outros tamén con alumnos. Ao concluír os 10 minutos de presentación de cada proxecto, os membros do xurado foron preguntando aos presentadores por aqueles detalles finais que lles permitirían ultimar a avaliación de cada proxecto e, de aí, extraer os gañadores.

O fallo do xurado non se fixo esperar demasiado, e comunicaron a súa resolución á organización do concurso un par de semanas máis tarde. Deste xeito, o CEIP de Barouta foi premiado co primeiro premio por un proxecto educativo sustentable, apoiado polo Concello e a ANPA, que servirá para que os alumnos usen a robótica en proxectos ambientais. Reciclar os plásticos é o pretexto dun plan que involucra a todo o centro.

O segundo premio foi para o proxecto "Hortus Cultus 3.0", do CEIP Balaídos de Vigo, e o terceiro premio levouno o proxecto "Realiz-Arte", do CPR Compañía de María da Coruña. Ademais, concedéronse 3 accésits, para os proxectos "Curtas Inma", do CPR La Inmaculada - La Salle, de Santiago; Plataforma #Educagram", do IES do Castro de Vigo; e "Mastigar e dixerir un libro: a Fraga Milmañas", do CEIP Ponte dos Brozos, de Arteixo.

Saca o plástico da auga
Por outra banda, este ano dende o CEIP de Barouta realizouse un PDI (Proxecto Documental Integrado) relacionado coa ecoloxía, reciclaxe, alimentación saúde, etc. Foi un traballo de investigación moi intenso, que serviu para presentarse aos V premios Proxecta innovación e obter o primeiro premio deste certame. Deste xeito, fóronse introducindo pequenos cambios no día a día do colexio como a iniciativa “Saca o Plástico da Auga”. Trátase de deixar de usar envases de plástico e cambialas por novas cantimploras “EmBarouta-T”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925