Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Os rapaces e rapazas...


Os rapaces e rapazas de Ames empregan o servizo de Bibliopiscinas para entreterse durante as tardes de verán

[03-08-2018] O Concello de Ames está desenvolvendo dende o pasado mes de xullo unha nova edición do programa de Bibliopiscinas, unha iniciativa da Concellaría de Educación que, por décimo sexto ano consecutivo, pretende achegar os seus servizos tradicionais, levando os libros, os xogos, os contos, os xoguetes e varias actividades ás piscinas descubertas do Milladoiro e Bertamiráns e á área recreativa de Tapia. Ademais, nas Bibliopiscinas hai xornais, xogos de mesa e libros para os maiores. Este ano, ao igual que o anterior, este servizo é prestado pola empresa amesá, Órbita Infantil. O bo tempo non acompañou no mes de xullo, nada que ver con estes primeiros días de agosto. Onte mesmo, as piscinas descubertas de Bertamiráns e Milladoiro estaban ateigadas de veciños e veciñas e foron moitos os nenos e nenas e maiores que aproveitaron o servizo de Bibliopiscinas. Na área recreativa de Tapia foron, por exemplo, 65 as persoas que onte demandaron o servizo, unha cifra xa moi superior ás rexistradas no pasado mes de xullo.

As actividades de animación á lectura que se desenvolven durante o verán nas piscinas municipais descubertas dan continuidade ao programa de animación que se desenvolve nas bibliotecas durante o resto do ano. A través desta iniciativa trátase de facer máis divertidas as tardes de sol para pais, nais e fillos/as. O servizo de Bibliopiscinas conta con monitores/as especializados/as e entre as actividades que levan a cabo destacan contacontos, obradoiros de todo tipo de manualidades, murais, xogos tradicionais, etc. Asemade, cóntase con libros, xogos de mesa e xoguetes. Trátase de fomentar o hábito lector entre a poboación infantil do concello dun xeito lúdico-recreativo, lonxe do marco cotiá dos colexios e estudos. Quen queira gozar deste servizo pode facelo en horario de 16:00h a 20:00 horas, de luns a venres, no Milladoiro e Bertamiráns, e de martes a domingo, en Tapia, tamén no mesmo horario.

Mes de xullo
Se ben o mes de agosto arrancou con forza no servizo de Bibliopiscinas, o pasado mes de xullo estivo marcado polo mal tempo e notouse na afluencia da veciñanza ás piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e á área recreativa de Tapia. Na piscina descuberta de Bertamiráns, nos días que mellor tempo fixo, fixeron uso do servizo uns 19 nenos e nenas de media, e 22 adultos que aproveitaron para ler a prensa ou algún libro. O número máximo de usuarios/as nun día foi de 31. Na piscina descuberta do Milladoiro houbo unha media de 26 nenos/as e 16 adultos neses días de mellor tempo, sendo o pico máximo de 51 usuarios/as no día de máis afluencia no servizo de Bibliopiscinas. En canto á área recreativa de Tapia, fixeron uso do servizo unha media de 30 nenos e nenas e 18 adultos nos días de mellor tempo.

Todos/as coñecemos a importancia de medrar coa lectura e, por esta razón, o Concello impulsa iniciativas coma esta das Bibliopiscinas, para que os nenos/as poidan asociar a lectura non só coas horas de estudo senón tamén co tempo de lecer. Os expertos coinciden en que é importante que os nenos e nenas non perdan o hábito de estudo nas vacacións, xa que logo lles resultará máis complicado a volta á rutina escolar. Pero non debemos esquecer que eles, ao igual que todos, necesitan descansar e desenvolver actividades lúdicas e motivadoras.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925