Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Rock galego para...


Rock galego para combater a calor na oitava edición do Millarock

[06-08-2018] A medida que baixaban os graos da abafante calor rexistrada o pasado venres en toda Galicia, subían os decibelios e os asistentes na oitava edición do festival Millarock, que congregou a centos de persoas na Travesía do Porto do Milladoiro para gozar das actuacións de The Teta´s Van, Supernatural, Astarot e Ruxe Ruxe. O festival, recuperado hai dous anos, serviu para gozar de novo coas actuacións de grupos representativos do rock en galego.

Os concertos comezaron ás 21.00 horas coa actuación de The teta´s Van, unha formación especialista en realizar versións, divertir transmitindo, reivindicando e loitando contra as inxustizas a través da lingua galega. Os asistentes puideron gozar coa súa música reivindicativa na que se lle deu voz ás verbas de numerosas poetisas galegas.

Ás 22.15 h. saíu ao escenario Supernatural, o grupo encabezado pola amesá Thais Rudiño, onde seguindo coa xira de promoción do disco Nada que fingir (Nothing to pretend), a banda fixo gala da gran variedade de ritmos e da fusión de estilos que aparecen neste novo traballo.

De seguido foi a quenda de Astarot, ás 23.30 horas, formación que tamén se atopa nunha xira de concertos de presentación do seu último traballo, Una vida en un segundo, que marca os seus 35 anos de traxectoria musical.

Os últimos en subir ao escenario foron Ruxe Ruxe, que tamén fixeron unha parada no Millarock no medio da súa xira de presentación de 20 segundos, traballo do que se puideron gozar algúns temas. A súa intervención, na que tamén tocaron algúns dos seus temas máis coñecidos, comezou ás 00.45 horas e foi a encargada de por punto e final a esta oitava edición do festival.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925