Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A asociación...


A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organiza este sábado un mercadillo solidario en Bertamiráns

[07-08-2018] O próximo sábado, 11 de agosto, levarase a cabo un mercadillo solidario en Bertamiráns organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), coa que o Concello de Ames colabora no programa Vacacións en Paz, a través do cal as familias do municipio poden acoller durante os meses de xullo e agosto a nenos e nenas saharauís. O obxectivo é recadar fondos para sufragar un proxecto sanitario para a compra e envío de medicamentos para o centro sanitario de Galicia nos campamentos de refuxiados saharauís.

A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e as familias que este verán acollen os sete nenos e nenas saharauís que están a pasar os meses de xullo e agosto en Ames contarán cun posto este sábado no mercadillo de Bertamiráns. Todas aquelas persoas que o desexen poderán colaborar con esta causa solidaria dende as 16:30 horas e ate o peche do mercadillo, que se desenvolve todas as tardes dos sábados na localidade amesá.

Entre os produtos que se poderán adquirir haberá libros, roupa e louza de segunda man, así como rifas e merchandising da propia asociación. Asemade, o posto tamén servirá como punto de información ao que poden achegarse todas aquelas persoas interesadas en recibir información sobre o programa Vacacións en Paz 2019, para o que xa se están buscando familias de acollida.

O recadado ao longo da tarde irá destinado á compra e envío de medicamentos para os campamentos de refuxiados saharauís. A esta mesma causa irá destinado o conseguido coa venta de rifas durante o festival Millarock, evento ao que acudiron os rapaces e rapazas coas súas familias o pasado venres no Milladoiro.

O Concello actúa como mediador

O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, para que varios rapaces/as do Sahara poidan pasar os meses de verán con familias amesás. A través deste programa, este ano 4 nenos e 3 nenas están a ter a oportunidade de pasar o verán en Ames con 7 familias do concello.

O Concello actúa de mediador entre as familias e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames. O programa Vacacións en paz preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes cativos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa a súa formación.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925