Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ao longo do ano 2017...


Ao longo do ano 2017 tramitáronse os expedientes de retirada de 20 vehículos abandonados

[07-08-2018] O Concello de Ames tramitou, no pasado ano 2017, a baixa como residuo sólido urbano de tres vehículos que xa pasaron ás dependencias de Trameve en Santiago. Ademais, outros tres vehículos están en seguimento por non cumprir no momento do informe os requisitos para a súa declaración como residuo sólido urbano e dous atópanse embargados ou con precinto xudicial. En relación ao ano 2016 o número de expedientes de retirada de vehículos abandonados reduciuse á máis da metade, pasando dos 42 de hai dous anos aos 20 do pasado exercicio.

Dende o goberno de Ames informan que son varios os vehículos que foron retirados tamén polos seus propietarios despois dos avisos e decretos ditados pola Alcaldía ao longo do exercicio 2017. Así, confirmouse a finalización de 12 expedientes por este motivo. Así mesmo, no que levamos de ano 2018, iniciáronse un total de 9 expedientes, dos que 4 están finalizados por ter retirado o/a propietario/a o vehículo da rúa ou non atoparse no mesmo lugar. Os outros 5 atópanse en estado de tramitación.

Información dos trámites
O goberno informa que os trámites necesarios para a retirada dos vehículos iníciase coa denuncia correspondente da Policía Local realizándose un primeiro informe no que se detalla a marca, modelo e matrícula do vehículo, xunto co estado no que se atopa e onde está estacionado. A continuación, localízase ao propietario e envíase unha primeira notificación e se esta ven devolta, envíase unha segunda notificación. En caso de ser devolta ou non localizarse ao propietario, e transcorrido o tempo preciso, envíase anuncio ao TEU do Boletín Oficial do Estado (BOE).

O paso seguinte é a sinatura do decreto de retirada, despois de emitir o segundo informe da Policía Local, que actualiza o estado no que se atopa o vehículo. Pasados dous meses dende o decreto de retirada e no suposto en que o vehículo non fora retirado, pasa a ser declarado como residuo sólido e envíase aviso a Trameve, para a retirada do mesmo e o seu envío ás instalacións da empresa onde será tratado despois do mes de espera.

Todos estes pasos necesarios e obrigados poden sufrir atrasos nos casos de falecemento do propietario, onde hai que localizar aos herdeiros, ou no caso de ter embargos por parte do xulgado, tendo que esperar ao seu levantamento antes da retirada. O goberno traslada a toda a cidadanía esta información para que coñeza a dificultade da retirada dos vehículos e saiba os motivos polos que certos vehículos permanecen durante varios meses nas rúas. Finalmente, solicitan aos veciños e veciñas de Ames que avisen no Concello ou na Policía Local sobre aqueles vehículos que observen que levan abandonados nas rúas para poder iniciar canto antes os trámites necesarios.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925