Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames colabora coa campaña solidaria da Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos #súmatedoasangue

[08-08-2018] O Concello de Ames e a Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos (ADOS) impulsan de novo a participación nas campañas de doazón de sangue para garantir o labor dos hospitais galegos, que precisan preto de 10.000 doazóns de sangue cada mes para atender a todos os doentes. A unidade móbil de doazón estará os días 13 e 14 de agosto no Milladoiro e os días 20 e 21 en Bertamiráns.

Dende a Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos agradecen a implicación das persoas que participan cada ano nas campañas de doazón de sangue. Grazas a este xesto solidario, os hospitais atenden aos enfermos de cancro e leucemia e levan a cabo, cada día, unha media de 2.700 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos. Ademais, o verán é a época de maior dificultade para a doazón de sangue.

Poden doar sangue as persoas entre 18 e 65 anos e que pesen máis de 50 quilos. O persoal sanitario revisará a saúde das persoas que se acheguen ata a unidade móbil de ADOS, antes de levar a cabo a doazón. Dende o Centro de Transfusión de Galicia lémbrase ás e aos doantes que non se debe acudir a doar sen almorzar, e que aquelas persoas que doen despois do xantar teñen que agardar un mínimo de dúas horas para facelo.

Recomendacións para doar
As recomendacións para persoas que queiran doar, así como os requisitos, poden obterse premendo nas ligazóns do apartado de descargas. Ademais, o Centro de Transfusión de Galicia publicou un vídeo no que se explica polo miúdo o proceso e que se pode ver premendo na seguinte ligazón https://www.youtube.com/watch?v=ONAx5Aor2JI.

A unidade móbil do CTG estará en Ames
Para poder colaborar coa campaña #súmatedoasangue unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) acudirá o luns 13 e mailo martes, 14 de agosto, ao Milladoiro. O vehículo estacionará na rúa da Curuxa, no cruce coa rúa Rosalía de Castro, en horario e 9:30 a 14:30 horas e de 15:30 a 21:00 horas. Ademais, o luns 20 e o martes 21 de agosto, a unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase a Bertamiráns. Estará estacionada na avenida da Maía, ao carón da praza da Maía, en horario de 9:30 a 14:30 horas e de 15:30 a 21:00 horas. Lémbrase que se deberá acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925